Un mozo de 23 anos, veciño de Gondomar, foi detido pola Garda Civil como suposto autor de dous roubos cometidos en senllos domicilios do mesmo municipio. Segundo informou este luns o corpo armado, o primeiro cometeuse a finais do pasado mes de xullo nunha vivenda habitada soamente os fins de semana, a cal está situada nun dos barrios do núcleo urbano de Gondomar.
Entón, os propietarios denunciaron unicamente danos materiais na porta principal do inmoble, aínda que tras a detención do presunto autor do roubo sóubose que levara unha pequena caixa con moedas das antigas pesetas, que foi recuperada. No inmoble, o Equipo Básico de Inspeccións Oculares da Garda Civil de Baiona detectou unhas pegadas de pisada que máis tarde levarían á identificación do presunto autor.
O segundo roubo produciuse a principios deste mes noutra casa situada na mesma localidade de Gondomar, e nesa ocasión o ladrón subtraeu dúas máquinas rozadoras e unha motoserra que foron recuperadas nun monte próximo ao lugar, escondidas entre as matogueiras.
O presunto autor de ambos os delitos, que foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Vigo, conta unha ampla listaxe de antecedentes policiais e actualmente atópase en liberdade provisional con cargos.