Detido un policía xubilado por abusar da neta da súa parella en Vilagarcía

A xuíza déixao en liberdade con cargos ►  A menor asegura que sufriu abusos entre os 8 e os 16 anos
photo_camera Xulgado de Vilagarcía. ARQUIVO

A titular do xulgado de instrución número 2 de Vilagarcía decretou a liberdade con cargos para un axente da Policía Nacional en situación de xubilación acusado de supostos abusos sexuais a unha menor. 

Segundo a denunciante, residente en Vilagarcía e de 17 anos de idade, o acusado supostamente comezou a realizarlle tocamentos cando tiña só oito, situación que se prolongou ata que cumpriu os 16. O policía xubilado detido é a actual parella da avoa da menor, o cal propiciaba que coincidisen con frecuencia no mesmo domicilio. 

Segundo manifestaron fontes da investigación, foi a propia menor a que confesou á súa avoa os abusos sexuais aos que supostamente fora sometida durante oito anos. Por mor dese descubrimento a vítima e a súa nai presentáronse nas dependencias da comisaría vilagarciá para denunciar os feitos.

Unha vez efectuada a denuncia os propios excompañeiros do policía xubilado procederon á súa detención e ao seu ingreso nos calabozos da comisaría onde pasou a noite. Pola mañá foi trasladado aos xulgados onde a xuíza, tras escoitar a súa declaración, decretou a súa liberdade con cargos.