Detido un veciño de Antas de Ulla acusado de violencia machista en Vigo

A muller manifestou que o suceso se produciu no marco dunha discusión motivada polo consumo de cocaína por parte da súa parella

Un home de Antas de Ulla, A.P.C., foi detido por un suposto delito de violencia de xénero contra a súa parella cometido este luns pola noite en Vigo.

Segundo indicou a Policía Local nun comunicado, os axentes deste corpo de seguridade foron comisionados pola Central de Información e Mando este luns ás 22.50 horas para dirixirse a unha vivenda da rúa María Auxiliadora onde, ao parecer, tivera lugar o suceso.

Unha vez no lugar dos feitos, os funcionarios entrevistáronse coa presunta vítima, que portaba ao fillo de ambos en brazos. A muller manifestou que o suceso se produciu no marco dunha discusión motivada polo consumo de cocaína por parte da súa parella, que adoptara unha actitude violenta despois de que ela lle recriminara a súa actuación.

Unha vez que, segundo explicou a muller, refuxiouse nunha habitación, puido contactar coa Policía, aínda que, finalmente, a súa parella puido acceder ao cuarto e retirarlle o teléfono móbil, polo que ela procedeu a fuxir da vivenda con outro terminal.

Os axentes comprobaron que había múltiples obxectos tirados polo chan do piso no que supostamente se produciron os feitos e que a muller presentaba unha lesión. Por iso, baixaron á rúa para identificar e deter ao home, que procedeu a ameazar verbalmente á vítima.

Comentarios