Detido un veciño de Baiona que simulou ser vítima dun secuestro

O home asegurou que o golpearon durante días e usaron o seu cartón bancario, aínda que el mesmo retirou o diñeiro 
Coches da Policía Nacional. DP
photo_camera Coches da Policía Nacional. DP

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un veciño de Baiona, de 45 anos de idade, por simular un delito, xa que denunciou ser vítima dun secuestro que nunca se produciu. 

Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse o pasado 13 de xaneiro, cando un médico de Urxencias contactou co 091 para informar de que estaba a atender a un home que manifestaba estar retido varios días contra a súa vontade por un grupo de captores. 

Unha dotación policial acudiu a entrevistarse con este home, quen explicou que o secuestraron o 4 de xaneiro, cando saía dun caixeiro da rúa Gran Vía de Vigo. Segundo a súa versión, fora abordado por un individuo de complexión grande, que o meteu á forza nunha furgoneta de cor branca, en cuxo interior había outros dous homes coa cabeza tapada e que falaban nunha lingua "do leste de Europa". 

Así, a suposta vítima relatou que lle cubriron a cabeza e atárono, que lle retiraron o teléfono móbil, o cartón de débito e que lle esixiron o PIN. Ao negarse a facilitalo, explicou, golpeáranlle na cabeza e noutras partes do corpo. 

Durante os seguintes días, denunciou o home, seguiran golpeándoo con diversos obxectos, producíndolle queimaduras no corpo e a cara e ameazándoo. Mentres durou o cativerio, afirmou, os seus secuestradores retiraron varias veces diñeiro da conta e o fórono desprazando dun lugar a outro. 

Nuns destes desprazamentos, asegurou, após unha forte freada da furgoneta, afrouxáronse as súas ataduras e aproveitou un descoido dos captadores para tirarse do vehículo en marcha. 

DÚBIDAS SOBRE A VERSIÓN DO DENUNCIANTE. Ao porse en marcha a investigación, a Policía comprobou que afloraban algunhas contradicións e dúbidas sobre a versión que dera o denunciante. Ademais, os axentes constataron que as retiradas de diñeiro que se fixeron na súa conta, por importe de case 3.500 euros, foran realizadas pola suposta vítima. 

Ao avanzar nas pescudas puideron ratificar que o secuestro fora unha invención, polo que se procedeu á súa detención por simulación de delito. 

Unha vez en Comisaría, comprobouse que este home ten 6 antecedentes policiais. O detido e todas as actuacións pasaron a disposición do xulgado de instrución número 6 de Vigo.

CASO ANTERIOR. Fontes policiais sinalaron que este non é un caso illado, xa que o ano pasado unha muller denunciou ser vítima dun secuestro e de abusos por parte de tres homes estranxeiros. 
A muller asegurou á Policía que a meteron á forza nun coche e que a levaron a unha zona próxima a Chapela (Redondela), onde a retiveron tres horas. Finalmente, relatou a denunciante, lograra escapar nun descoido dos seus captadores, que estaban bébedos. 

Nese caso, os investigadores tamén lograron descubrir que o secuestro era falso, e que todo fora unha invención da muller para chamar a atención da súa parella. 

A Policía lembrou que as falsas denuncias causan un grave prexuízo ao seu labor, posto que se detraen efectivos técnicos e humanos para investigar feitos que nunca se produciron. "É un abuso ás administracións facer un uso innecesario dos seus limitados recursos", apuntaron fontes policiais, que tamén engadiron que as simulacións de delito son infraccións penais.