Detido en Vigo por intentar apuñalar aos porteiros de dous locais de copas da zona de Areal

Os Policías intentaron facer entrar en razón ao mozo, que non desistía da súa actitude ata que finalmente tirou a arma e foi reducido 

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, R.Y.D., natural de Colombia e de 23 anos de idade, como presunto autor do intento de apuñalamento a dous porteiros de locais de copas.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na madrugada do pasado sábado, cando o 092 recibiu un aviso urxente sobre a presenza dun mozo que ameazaba con agredir aos porteiros dunha discoteca na zona do Areal. Cando os axentes chegaron, comprobaron que un grupo de mozos fuxía do lugar á carreira, e viron na porta de acceso do local a un mozo cun puñal na man, lanzándoo cara a adiante, e gritando ameazas de morte.

Segundo as testemuñas aos que interrogaron, o mozo pretendía entrar nun local pero o porteiro impediullo, debido ao estado no que se atopaba. Nese momento, o mozo sacou o coitelo dunha bandoleira que levaba e intentou apuñalar ao traballador do local, que puido esquivar o ataque e refuxiarse no interior da discoteca.

O porteiro do local de ao lado, ao ver que a xente fuxía gritando de alí, achegouse. Cando comprobou o que pasaba, intentou tranquilizar ao mozo pero este abalanzouse cara a el e tamén intentou apuñalalo. Mentres este segundo porteiro logrou porse a salvo, o sospeitoso arremeteu contra a porta do local co coitelo, causando danos na mesma, ata que chegaron os axentes policiais e o detiveron.

Comentarios