Dez feridos en Ponteareas nunha colisión múltiple na A-52

No accidente víronse implicados polo menos tres turismos e un autobús

Dez persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, nunha colisión múltiple entre tres turismos e un autobús ocorrida na tarde deste domingo na A-52 en Ponteareas. 

Os feitos ocorreron ao redor das 17.50 horas no punto quilométrico 301 da autovía, en sentido Vigo e segundo recolle a DXT provocaron retencións durante varios quilómetros.

Varios particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do sinistro, indicando que se produciu unha colisión múltiple e que algunha persoa podía estar atrapada no interior dos vehículos accidentados.  A partir de aí, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES e Bombeiros de Ponteareas e de Vigo, de Protección Civil do Porriño e de Ponteareas e da Policía Local. 

Unha vez no lugar do accidente, os servizos de urxencia confirmaron ao 112 Galicia que ningunha das persoas feridas atopábase atrapada e descartaron empregar os equipos de excarceración. Finalmente, as vítimas foron atendidas polos profesionais sanitarios e trasladadas en ambulancia.