A DXT prevé máis de 932.000 desprazamentos na operación do 15 de agosto

Tráfico avisa de case unha trintena de puntos conflitivos na rede viaria galega
Atasco. AEP
photo_camera Atasco. AEP

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé máis de 932.000 desprazamentos na rede viaria galega na operación especial do 15 de agosto, que comeza este mércores 14. 

Segundo os datos facilitados pola DXT, entre as 15,00 horas deste mércores 14 de agosto e as 24 horas do domingo 18 espéranse 7.770.000 movementos nas estradas españolas

Do total de desprazamentos, a DXT estima que o noroeste de España, no que se inclúe a Comunidade galega, rexistre un 12 por cento dos movementos na rede viaria, o que supón uns 932.400. 

Con motivo desta nova operación especial de tráfico, a DXT advirte de que as estradas previsiblemente afectadas por maior intensidade de tráfico en Galicia corresponderán á AP-9, A-6, A-52, A-55, N-550 e N-634.

PUNTOS CONFLITIVOS. Deste xeito, Tráfico avisa de case unha trintena de puntos conflitivos na rede viaria galega, case a metade na provincia da Coruña, entre os que se inclúen os accesos á cidade herculina, a AP-9, A-6 e o acceso a Santiago pola AG-56

Mentres, na provincia de Pontevedra advirte de oito puntos conflitivos nas estradas, entre eles na A-52 no enlace coa A-55 no Porriño, a AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande e puntos de praia. Polo seu lado, avisa doutros catro na provincia de Lugo —LU-P-6412, LU-P-0610, A-8 e N-640— e de tres na de Ourense —N-120, N-525 e OU-540—. 

Comentarios