Dimite o presidente da xestora de Vox de Ourense e denuncia "traizóns"

O expresidente do Club Ourense Baloncesto solicita a súa baixa como afiliado despois de que a dirección da formación lle comunicase que xa non confiaba nel

Julio Vázquez. AEP
photo_camera Julio Vázquez. AEP

O ata agora presidente da xestora provincial de Vox en Ourense, Julio Vázquez, presentou este luns a súa dimisión e solicitou a súa baixa como afiliado ao partido tras denunciar "traizóns" dentro da directiva local.

Nun comunicado remitido aos medios, Vázquez denuncia "traizóns" por parte da vicepresidenta da comisión xestora, María Jesús Fernández, á que acusa de crear "insidias sobre a miña persoa co único afán de desprestixiarme" que trasladaría a Begoña Conde, tía do líder do partido, Santiago Abascal, que se presenta como candidata ao Congreso pola provincia de Ourense.

En concreto, alude a unha "revelación de información confidencial" á candidata que tería levado, segundo o presidente da xestora, a que o xoves pasado a dirección do partido lle comunicase "que deixaban de confiar en min".

"Estou plenamente convencido que a traizón levada a cabo pola vicepresidenta tiña como único fin facerse co control do partido en Ourense, así como garantirse o posto número 1 na lista das municipais de Ourense", subliña Vázquez, quen afirma que Fernández "nunca" foi da súa total confianza.

Vázquez, que foi presidente do Club Ourense Baloncesto entre 2003 e 2007, foi presentado en decembro do ano pasado para presidir a xestora na provincia de Ourense co reto de "armar" candidaturas na provincia. A súa dimisión prodúcese a poucas horas de que conclúa o prazo oficial para presentar as listas electorais ao completo para as municipais nas xuntas electorais de zona.

Comentarios