A Deputación de Lugo entrégalle ao diario El Progreso a súa máxima distinción

A institución provincial concédelle a Medalla de Ouro pola súa "traxectoria e gran servizo" á sociedade lucense

Blanca García Montenegro, con la medalla de oro, escoltada por Isabel Rodríguez, Antonio López, Darío Campos, Lara Méndez y José de Cora. J. VÁZQUEZ
photo_camera Blanca García Montenegro, coa medalla de ouro, escoltada por Isabel Rodríguez, Antonio López, Darío Campos, Lara Méndez e José de Cora. J. VÁZQUEZ

A Deputación entregou este mércores a El Progreso a máxima distinción desta administración, a medalla de ouro da provincia de Lugo, que só fora concedida con anterioridade en dez ocasións.

O presidente provincial, Darío Campos, foi o encargado de presidir o acto solemne no que a editora do diario e presidenta do Grupo El Progreso recolleu a condecoración.

En realidade, a decisión de entregar ao xornal lucense este galardón foi aprobada por unanimidade da corporación en 2008, cando o diario cumpría un século de vida. No acordo, recolleuse que se honraban "cen anos dun traballo exemplar dentro dun mundo coa mesma dose de intensidade que de innovación: o dos medios de comunicación".

Blanca García Montenegro asegurou que o galardón era "un dos maiores recoñecementos para El Progreso"

Elixiuse o 2018 para facer o acto de entrega porque o xornal conmemora outro aniversario redondo, o dos seus 110 anos. Nun paraninfo do Pazo de San Marcos cheo, recordouse a historia da medalla. As primeiras datan do 1857 e foron a parar a Joaquín Ortega, Celedonio Oribe e José Rafó, enxeñeiros responsables da primeira liña ferroviaria que comunicou A Coruña e Lugo.

María Paz Taboada, que doou á Deputación o Pazo de Tor, o presidente da Xunta Manuel Fraga ou o mecenas Manuel Vázquez Seijas, a quen se considera pai do Museo Provincial de Lugo, tamén recibiron esta distinción á que agora se sumou El Progreso.

Campos recordou que, ademais da absoluta implicación do diario coa actualidade da provincia e do seu carácter de altofalante dos temas de interese para os que nela habitan, El Progreso mantén un gran compromiso co ámbito cultural, deportivo ou educativo. Entre outros, destacou proxectos como o Premio de Xornalismo Puro Cora, que leva 25 anos vixente; os Premios Muralla, no que anualmente participan uns 3.000 nenos ou as campañas de recollida de tapóns, que axudaron a algunhas familias a sufragar próteses para os seus fillos ou o comedor escolar. O diario, segundo recordou o presidente provincial, "axudou a cambiar a vida de moitas persoas".

Pola súa banda, a presidenta de El Progreso asegurou que a recepción da medalla era "un dos maiores recoñecementos para El Progreso, un xornal que se definiu sempre para Lugo e a súa provincia". Sinalou que, coa provincia, o diario ten "unha débeda" e fixo fincapé en que a honra que supuña a distinción esténdese non só aos que fan El Progreso día a día, tanto na súa versión en papel como na dixital, senón tamén a quen "botaron a andar esta aventura en 1908".

García Montenegro recoñeceu que este é "un tempo refundacional" para os medios de comunicación e anunciou aos asistentes que o persoal do xornal encárao "coa mesma ilusión, coa mesma idea de compromiso coa información e a provincia de Lugo, que a de quen lanzaron un xornal ás rúas da capital, as vilas e aldeas da provincia cando arrincaba o século XX".

Asistentes á entrega da medalla de ouro. SEBAS SENANDEPola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, recordou na súa laudatio que é un veterano lector de El Progreso e destacou a "profesionalidade" do seu persoal.

Ao acto de entrega da medalla de ouro da provincia acudiu unha gran representación da vida polítical, cultural e empresarial de Lugo. Tamén estaban presentes traballadores da redacción de El Progreso en Lugo, en representación dunha máis ampla, con presenza en toda a provincia, ademais de en Santiago de Compostela. Igualmente acudiron membros do persoal do Diario de Pontevedra, outra das cabeceiras do grupo de comunicación lucense. 

Antonio López destacou que "o clarísimo compromiso da familia De Cora" co xornal "é unha parte esencial do seu éxito"

Comentarios