Dispara e agride a unha cadela en Chantada: "Son cazador e pégolle tiros a quen me sae dos collóns"

Un condutor gravou parte da terrible escena en vídeo

Un cazador disparou e "golpeou brutalmente" a unha cadela este sábado no municipio de Chantada que tivo que ser tratada de urxencia por ferida de bala e múltiples traumatismos.

Asi informou a asociación animalista Libera, tras coñecer o suceso a través dun vídeo difundido en redes sociais por un condutor que se decatou da escena ao escoitar o son dun disparo.

A cadela vítima do cazador en Chantada. LIBERA

Segundo Libera, o cazador afirmou á persoa que gravou o vídeo que "era cazador e pode pegar tiros a quen lle sae dos collóns". Este feito xerou a indignación dos internautas e de diferentes entidades animalistas como a ONG Mundo Vivo, que avanzou que se acudirá como acusación particular nun hipotético procedemento xudicial".

En caso de xuízo, o suxeito podería "ser acusado dun delito de malos tratos animais e enfrontarse a penas de ata un ano de prisión ou 18 meses de cárcere" no caso de que faleza a cadela, advirten os animalistas.

Neste contexto, a asociación animalista Libera mostrou a súa "repulsa" ante o suceso mediante un comunicado e tamén denunciou a repetición deste tipo de acontecementos en Galicia "nos últimos tempos" así como a "impunidade" de gran parte deles.

OI ANIMALISTAS RECLAMAN MÁIS MEDIDAS. Os animalistas afirman que a Consellería de Medio Ambiente tamén "tería aberta a vía administrativa para inhabilitar e sancionar con multas de ata 30.000 euros a este cazador por disparar intencionadamente aos animais".

Así mesmo, este luns trasladarán ao Parlamento diferentes iniciativas para "demandar medidas coercitivas efectivas" como o "incremento das inhabilitacións" ou a "reclamación dun rexistro autonómico de maltratadores".