A DXT prevé máis de 600.000 desprazamentos en Galicia na Ponte de Todos os Santos

O operativo arrinca este mércores ás 15.00 horas e termina na medianoite do domingo ao luns

La Operación Retorno de Verano comenzará el viernes tarde y concluye el domingo a medianoche. JAUME SELLART (EFE)
photo_camera Tráfico nunha autoestrada. JAUME SELLART (EFE)

A Dirección Xeral de Tráfico porá en marcha a partir das 15:00 horas deste mércores e ata o 4 de novembro un dispositivo especial para regular, vixiar e dar seguridade aos máis de 600.000 desprazamentos de longo percorrido previstos en Galicia durante os próximos cinco días.

A DXT mobilizará desde o Centro de Xestión de Tráfico, situado na Coruña, a todos os recursos humanos e técnicos dispoñibles, así como ás empresas de asistencia e mantemento na estrada, para garantir a fluidez e seguridade no tráfico durante estas datas.

Esta planificación busca como obxectivo final garantir a seguridade nos desprazamentos de forma que se minimice a accidentalidade na estrada e as súas consecuencias.

As principais complicacións pódense atopar o mércores saída das grandes cidades e naquelas estradas que teñen como destino os lugares de segunda residencia, zonas de montaña e as de atracción turística invernal.

Desde a DXT insisten na importancia de circular coas luces acesas e levar elementos reflectores tanto peóns como ciclistas. Do mesmo xeito débese moderar a velocidade e adecuar a condución ás circunstancias das vías.

Desde Tráfico tamén recordan o uso do cinto como elemento de seguridade xa que son moitas as vítimas mortais en accidentes de tráfico en Galicia por non levar o cinto.

Desde a DXT remarcaron o perigo do uso do móbil, xa sexa para chamadas ou para mensaxes xa que cando o usas non se está atento á circulación.

Tamén se realizarán controis de drogas, alcol e velocidade e recordaron que nesta ponte é moi importante extremar a atención nas vías secundarias xa que se producen numerosos desprazamentos curtos para acudir aos cemiterios a visitar aos defuntos.

Desde a DXT recomendan facer antes de saír unha revisión do vehículo, planificación da viaxe e a consulta das condicións meteorolóxicas para coñecer o estado das estradas.

Durante o desprazamento débense respectar as recomendacións de descanso, de respecto ás normas de circulación, de adecuación da marcha ás condicións da circulación e estado da vía e, para rematar, de uso adecuado de todos os dispositivos de seguridade para os ocupantes adultos e menores. E se se é usuario de bicicleta, recordar que, ademais do casco, ten que circular con luces e peza reflectora cando circule pola noite.

Comentarios