Educación opta por aplicar o 'decreto do aprobado xeral' 

A medida permitiría aos alumnos promocionar con independencia da cantidade de materias non superadas 
Imagen del encuentro. EFE
photo_camera Imaxe do encontro. EFE

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade arrinca os traballos para elaborar a normativa de desenvolvemento do Real decreto de medidas urxentes en educación, o chamado decreto do aprobado xeral, co fin de contar cunha proposta "nun prazo moi curto" de tempo e poder aplicala xa no mes de novembro. 

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Mira Lema, reuniuse este luns con representantes da inspección educativa e técnicos da Consellería como primeira toma de contacto deste grupo de traballo. 

O obxectivo é elaborar un texto propio que permita apoiar a "calidade e equidade" do sistema educativo e corrixir as "debilidades" da normativa estatal, moi criticada polo Goberno galego. 

O titular de Educación, Román Rodríguez, trasladara unha queixa á ministra do ramo, Isabel Celaá, para lamentar a decisión, adoptada "de forma unilateral" e sen discutilo previamente coas comunidades autónomas. 

O RD permite a un alumno promocionar de curso sen ter en conta o número de materias suspensas, unha medida similar á adoptada durante a suspensión da actividade lectiva presencial no confinamento iniciado en marzo. 

No entanto, a Xunta insistiu en que "o adecuado" será aplicar criterios "máis próximos" ao traballo habitual posto que en Galicia está a buscarse unha "presencialidade completa" salvo casos moi puntuais, polo menos no ensino obrigatorio. 

É por iso, que a normativa estatal "pode xerar desigualdade" entre o alumnado ao ir "en contra" de principios básicos como "a cultura do esforzo e a motivación".

Comentarios