O Congreso debaterá se crear unha comisión de investigación sobre Angrois

A portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, confirmou a inclusión desta iniciativa na orde do día da próxima reunión plenaria, tras obter o apoio do PSOE e de Ciudadanos, ademais de Podemos

A xunta de portavoces do Congreso aprobou este martes, co voto negativo do PP e o apoio do PSOE, incluír no pleno da próxima semana o debate sobre a posta en marcha dunha comisión de investigación que esclareza as causas do accidente do tren Alvia no barrio compostelán de Angrois que fai xa case tres anos acabou coa vida de 81 persoas.

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, en rolda de prensa, celebrou que finalmente a Cámara dea luz verde a trasladar ao pleno o debate sobre a necesidade de crear unha comisión de investigación rompendo así a "coalición do silencio" que ata agora houbo ao redor dese accidente.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PP, Rafael Hernando, censurou que o PSOE decida apoiar a petición de En Marea, adscrita ao grupo de Podemos, de que o Congreso debata a próxima semana a creación dunha comisión de investigación, e acusouno de "utilizar" os mortos nese sinistro por fins exclusivamente "políticos".

O dirixente popular, en concreto, criticou que o PSOE, un partido con responsabilidade de goberno, apoie a proposta de discutir a posibilidade de abrir unha investigación parlamentaria paralela á dos tribunais co argumento, dixo, de que as Cortes van disolverse ante a máis que previsible imposibilidade de que haxa un acordo para conformar un goberno.

Hernando considerou "miserable" e "deleznable" que os socialistas "utilicen" os mortos nese "desgraciado" accidente con motivos "políticos". "É intentar utilizar a dor das familias e impor a xustiza no Parlamento —abundou—. Non todo vale en política".

Ademais, viu "absurda" a posición dos socialistas porque, ao seu xuízo, precisamente é o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e, singularmente o outrora ministro de Fomento, José Blanco, o que debería dar explicacións sobre ese accidente, porque foi durante o seu mandato cando se deseñou o trazado dese convoi que descarrilou.

EN MAREA, SATISFEITA. Na anterior lexislatura o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que xa non ten representación no Congreso, intentou en varias ocasións que o pleno debatese unha proposta similar, pero o PP, coa súa maioría absoluta, bloqueouno sistematicamente como fixo co resto de peticións dos grupos para constituír comisións de investigación sobre os máis variados asuntos.

Fernández mostrou a súa "enorme satisfacción" por que logo de case tres anos e máis de 115.000 firmas se conseguise que unha reclamación da sociedade civil se traslade á institucional para pór fin ao "escurantismo" que houbo ao redor deste sinistro e mostrou o seu desexo de que o PSOE manteña a mesma posición que defendeu este martes no debate no pleno.

Segundo subliñou, é "imprescindible" que se investigue para atopar solucións que eviten novas faltas de control nos sistemas de seguridade ferroviarios, que os políticos "se vaian de rositas" e que as vítimas non volvan ser tratadas con "falta de respecto" ao negárselles ter coñecemento sobre todo o que rodea o accidente.

Comentarios