O PSOE pide crear unha comisión "urxente" para investigar os casos de legionella en Ourense

O partido socialista manifesta a "desidia" do Goberno municipal para pór en funcionamento unha medida aprobada en novembro

O PSOE reclamou este martes instituir de xeito "urxente" unha comisión de investigación sobre os casos de legionella detectados en Ourense que afectaron a dous traballadores da empresa Ecourense, concesionaria de limpeza no Concello.

Os empregados contaxiáronse hai tres meses desa bacteria en circunstancias que o PSOE desexa que se aclaren e critican a "desidia" do Concello, gobernado polo PP, no cumprimento deste e outros acordos adoptados en reunións plenarias.

O pasado 6 de novembro, o Concello aprobou por unanimidade en sesión plenaria unha moción conxunta do PSOE e Democracia Ourensá para instituir unha comisión de investigación sobre a aparición de dous casos de legionelosis.

O acordo "instaba literalmente á constitución de forma inmediata dunha comisión de investigación integrada por todos os grupos municipais co fin de analizar as xestións realizadas polo Goberno municipal ante a aparición de dous casos de legionella", sinalou o portavoz socialista no municipio, José Ángel Vázquez Barqueiro, quen lamentou que dous meses despois, aínda non existe dita comisión.

"Seguimos sen ter noticias da creación da citada comisión, o cal pon unha vez máis de manifesto a falta de interese e incapacidade dos membros do Goberno municipal", dixo.

"FALTA DE AXILIDADE". Ademais, lamentou a "falta de axilidade" para establecer ese tipo de medidas de control en aspectos como a integración urbana do proxecto de construír un trazado ferroviario de alta velocidade ou o de rehabilitar a praza de Abastos, ambos os aprobados en agosto.

Tamén criticou ao PP por non adoptar obras nas marxes do río Barbaña e dos atrasos nos trámites para construír unha nova sede do organismo xestor desa conca fluvial.

Comentarios