O sector lácteo anuncia o inicio dun "duro boicot" á multinacional Lactalis

Os gandeiros intentarán que as propias cadeas retiren dos seus lineais os produtos da empresa, á vez que seguirán co seu labor de "concienciación" para explicar aos consumidores a situación na que se atopan

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo manterá reunións entre este luns e o martes para definir o "calendario" dun "duro boicot" contra a multinacional francesa Lactalis, que comezaría a partir do mércores nos propios puntos de venda e contra as marcas desta empresa.

En declaracións, o portavoz de Unións Agrarias (UU AA) na plataforma, Óscar Pose, confirmou que os gandeiros tratarán de buscar a complicidade da propia distribución, de forma que sexan as propias cadeas as que retiren dos seus lineais os produtos desa empresa, tanto leite líquido como outro tipo de derivados.

Por outra banda, os gandeiros volverán facer acto de presenza en supermercados e hipermercados para facer un labor de "concienciación entre os consumidores", fundamentalmente, explicou Pose, para aclararlles por que o sector lácteo volve estar na rúa despois de que algunhas cadeas de distribución anunciasen subidas de dous céntimos de euros en litro.

Segundo o portavoz de UU AA, nas conversacións que mantivo a plataforma con representantes de Lactalis, os directivos da empresa recoñeceron que "si teñen o diñeiro" que achegou a distribución para facer efectiva esa subida.

Con todo, a súa intención, ou así llo fixeron saber aos emisarios da plataforma, é aplicar a subida "a partir do contrato de abril", que se cobrará en maio.

Para a plataforma trátase dunha postura "inaceptable" e máis polo feito de que Lactalis ten "o prezo medio por baixo do que pagan" aos seus provedores "industrias do seu tamaño".

Recordou que Leite Celta aceptou subir o prezo no medio céntimo e aínda están pendentes conversacións "con Reny Picot e Peñasanta" para determinar como teñen pensado aplicar a subida.

Comentarios