O embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, expresou o seu apoio ás candidaturas das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra para converterse en Patrimonio da Humanidade.
Así llo trasladou ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, desprazado este venres a París para manter un encontro con Perelló, quen se interesou polas candidaturas galegas a formar parte da listaxe da Unesco.
No caso de Cíes-Illas Atlánticas, a Xunta asinou un convenio coas universidades galegas para a elaboración do formulario da candidatura, que engloba os arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora.
Así mesmo, segundo informa o Goberno galego, o embaixador español ante a Unesco tamén mostrou interese na candidatura da Ribeira Sacra. A previsión é que a solicitude para figurar na lista de Patrimonio da Humanidade sexa remitida ao Consello de Patrimonio Histórico Español en marzo de 2019.