Emigración desliga a Xunta de irregularidades que achou Contas en fondos en Venezuela

A oposición esixe explicacións a Feijóo, que asegura que non lle preocupa o asunto
Antonio Rodríguez Miranda. ARCHIVO
photo_camera Antonio Rodríguez Miranda. ARQUIVO

A Secretaría Xeral de Emigración desvinculou este venres a Xunta das irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas na xestión de axudas a españois en Venezuela en 2015 e 2016, e nega a suposta intercesión do titular deste departamento, Antonio Rodríguez Miranda, para tratar de ocultar esta cuestión que constatou o órgano fiscalizador. 

A información publicada por medios como Praza Pública e ElDiario.es indica que Rodríguez Miranda formularía a posibilidade de ocultar a irregularidade detectada por Contas. Fíxoo durante unha reunión na embaixada española de Venezuela, coa presenza do embaixador, Jesús Silva, e o cónsul Juan José Buitrago, todos membros do consello de administración da Fundación España Salud. 

Atendendo á información publicada, a irregularidade afectaría directamente a Juan de San Genaro Santana (dirixente do PP de Canarias), responsable da consellería laboral da embaixada, órgano dependente do Ministerio de Traballo, durante os anos 2015 e 2016, e quen xestionaría supostamente a adquisición no mercado negro dunha cantidade indeterminada de dólares tras cambiar 300.000 euros que estaban destinados a axudas de urxencia social para casos graves. 

O informe de Contas, segundo o publicado, sinala que o importe correspondente ao cambio naqueles anos entregouse á citada fundación, pero que a diferenza obtida se destinou ao pago de actividades de carácter electoralista. 

Os grupos políticos da oposición pediron explicacións por este tema. Asi, o PSdeG asegurou que tomará "todas as medidas necesarias", mentres que BNG e Grupo Común da Esquerda esixen a dimisión de Rodríguez Miranda.

Emigración asegura que o asunto "afecta ao Goberno central"

Fontes de Emigración consultadas por Europa Press, pola súa banda, esgrimiron que este asunto foi fiscalizado por Contas e "afecta ao Goberno central". "A Xunta non ten nada que ver", insisten.

DÚAS REUNIÓNS. Emigración insistiu en que o órgano fiscalizado é unha consellería laboral dependente do Ministerio de Traballo, que non ten "ningunha vinculación nin orgánica nin funcional coa comunidade". Tamén remarca que non entra a valorar "a xestión feita por un funcionario da Embaixada de España en Venezuela" porque a descoñece e que, non só "respecta" senón que considera que "deben aplicarse de forma estrita os ditames e resolucións" que, neste caso, emanan "do máximo órgano fiscalizador de contas e xestión económica do sector público. 

Máis aló, Emigración precisa que Miranda mantivo dúas reunións institucionais —unha co embaixador e outra co cónsul—, que "non existiu" un único encontro con ambos, e que ambas foron públicas" e se centraron en asuntos da colectividade. Negan que o secretario xeral xogase calquera papel de mediación. 

En canto á Fundación España Salud, as fontes de Emigración remarcan que foi creada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, e que é unha entidade radicada en Venezuela que "ten por finalidade prestar atención médico cirúrxica e farmacéutica" aos emigrantes. "É unha entidade do Goberno de España e financiada por este, coa que colaboran as comunidades con máis emigrantes, como Canarias, Asturias ou Galicia", resolven.

Feijóo apunta á campaña
Preguntado polas críticas da oposición e, en concreto, pola petición de comparecencia que formularon os socialistas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou "descoñecer" o contido concreto da información e que, en todo caso, non lle preocupa. 

"Que un dirixente socialista lle pida explicacións ao PP sobre Venezuela non deixa de ser algo exótico. A campaña (electoral) non podía empezar cun humor tan potente coma este. Nin sei do que me fala nin me preocupa en absoluto ningunha información. Se hai algunha cousa, o que a fixo terá que aclarala", esgrimiu.

Comentarios