Emotivo concerto de James Rhodes na Lama

Os internos do programa de enfermos mentais escribíronlle unha carta ao pianista, que non dubidou acudir ao centro pontevedrés

James Rhodes, en la prisión de A Lama.DP
photo_camera James Rhodes, na prisión da Lama.DP

"Ola James, sorprenderache desde onde che escribimos e a de fronteiras e muros que pode traspasar a túa música". Así comezaba a carta que, o pasado mes de decembro, 33 internos do Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM) do Centro Penal da Lama enviaron ao pianista e activista contra os abusos a menores James Rhodes. 

Nin 24 horas tardou o pianista en responder con outra agradecidísima misiva na que afirmaba: "Encántame a idea". O resultado foi o concerto gratuíto, só para internos, traballadores e ONG´s que colaboran co PAIEM, que este luns ofreceu no salón de actos da prisión de Pontevedra. Por iso este domingo púidoselle ver ao británico paseando polas rúas de Pontevedra, unha xornada que documentou nas súas redes sociais 

O primeiro movemento da Sonata nº 15 de Beethoven, o scherzo nº2 de Chopin e a melodía de Orfeo e Eurídice de Gluck foron algunhas das pezas interpretadas polo británico, ante un salón de actos a rebordar e un silencio absoluto que sorprendeu ao propio pianista. "Hora e media de paz e harmonía perfecta no medio de tanta tolemia", como os internos cualificaban a música de Rhodes na súa carta. 

Enviáronlla tras a lectura conxunta no módulo do libro Instrumental do británico. Sobre esa obra conversaron tras o concerto: sobre a infancia complicada de Rhodes e o seu traballo para "arranxar o que está roto por dentro".

Segundo informa o Ministerio do Interior, un dos internos preguntoulle sobre a sensibilidade creativa das persoas con enfermidades mentais. A resposta do pianista foi: "Todo o mundo ten moitas cousas dentro. Para min, a música é a mellor forma de sacalas, o mellor xeito de escapar. Gústame a soidade: eu e o meu piano. A creatividade é un xeito de facer fronte aos problemas de saúde mental. Canta xente nesta prisión pode pintar, crear música e non temos nin idea?". 

Por iso, Rhodes eloxiou o traballo do PAIEM que este ano cumpre 10 anos da súa implantación no centro pontevedrés. O programa, no que interveñen tanto sanitarios como profesionais de tratamento penal, pretende dar resposta ás necesidades en materia de saúde mental de internos e internas en centros penais.  

Os da Lama cumpriron este luns unha ilusión. Ou, como eles explicaban na súa misiva, parafraseando unha máxima de Rhodes: "Existe unha posibilidade (maior do que cres) de que todo saia ben".