Os empregados dun mesmo grupo 'burbulla' poden compartir mesa na cafetería do traballo

Esta medida, publicada no DOG este luns, está referida aos 60 municipios galegos que manteñen a hostalería pechada 
 
Cafetería. EP
photo_camera Cafetería. EP

A Consellería de Sanidade permite, a partir deste mesmo luns, que os empregados que se consideren un grupo burbulla de convivencia estable dentro da contorna laboral compartan mesa na cafetería ou o establecemento de restauración dos lugares de traballo, tamén en hospitais e centros sanitarios. 

Iso si, o aforamento do local aínda estará limitado ao 50 por cento da súa capacidade e o consumo no interior unicamente pódese realizar sentado. Ademais, as mesas ou agrupacións de mesas, entre as cales se debe cumprir a distancia de seguridade, terán un máximo de seis persoas. 

Así figura nunha orde publicada este mesmo luns pola Consellería de Sanidade, recollida por Europa Press, na que se modifica un parágrafo da orde emitida a pasada semana para pechar a hostalería e outras actividades non esenciais ata o próximo 4 de decembro nun total de 60 municipios. 

De acordo con esta normativa, en vigor desde o sábado, aqueles establecementos de restauración de centros de traballo podían abrir para servir aos empregados, pero eses unicamente podían compartir mesa se eran convivientes -o mesmo establecíase para os familiares dos pacientes que utilizasen as cafeterías de hospitais e centros sanitarios-. 

Con todo, a orde publicada este luns por Sanidade, que xa entrou en vigor, permite que senten xuntas as "persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable centro do centro de traballo". 

Na exposición de motivos, a Consellería xustifica a ampliación desta medida porque se ten en conta "a relación no contorna de traballo" entre os empregados, o que determina que "poidan considerarse para estes efectos como unha 'burbulla'". 

Comentarios