A empresa dos comedores con intoxicacións investiga o ocorrido e cambia menús

Asegura que iniciou pescudas internas e que está a retirar ingredientes potenciadores dos procesos alérxenos como salsa de tomate e lácteos
Un comedor escolar. ARCHIVO
photo_camera Un comedor escolar. ARQUIVO

Freire Chico S.L., a empresa que se fai cargo do servizo de comedores en escolas infantís de Galicia que hai uns días rexistraron reaccións alérxicas nalgunhas instalacións as provincias da Coruña e Pontevedra, tomou medidas logo de ter coñecemento das mesmas como o inicio dunha investigación interna e a confección "xornada a xornada" de menús "restritivos"

Estes son menús, segundo fontes da compañía consultadas por Europa Press, dos que se retiran ingredientes potenciadores dos procesos alérxenos, como a salsa de tomate e os lácteos, por exemplo. Eses elementos substitúense dos pratos ordinarios por outros co obxectivo de lograr un menú "equilibrado", seguindo as recomendacións de expertos, segundo apuntan as fontes da firma, que actúa baixo as marcas comerciais Airas Cátering, Xantar Contigo, Xanta Connosco, Airas Eventos e Airas Nunes Café. 

Nun comunicado, a empresa explica que emprendeu "de forma activa" liñas de investigación propias "tendentes a achegar luz sobre as causas que provocaron os feitos". Así, contratou "gabinetes especializados" nos ámbitos da seguridade alimentaria e comezou investigacións internas a través do departamento de calidade, "liñas que seguen o seu curso". 

 "Alimentar case 4.000 nenos ao día e outras tantas persoas doutros colectivos é unha altísima responsabilidade que vimos asumindo con solvencia na última década", di a empresa

Freire Chico "lamenta profundamente" as reaccións alérxicas producidas, aínda que precisa que o nivel de afectación dos episodios (nos días do 18 ao 21 de outubro e do 5 de novembro) foi "de carácter leve" con afectacións cutáneas "momentáneas". 

Engade, nese sentido, que representou, "en termos cuantitativos, un valor certamente pequeno en relación co volume diario dos menús servidos na totalidade das escolas infantís da rede pública". "Alimentar case 4.000 nenos ao día e outras tantas persoas doutros colectivos é unha altísima responsabilidade que vimos asumindo con solvencia na última década", destaca. 

A empresa, ademais, defende contar cun rexistro sanitario que leva implícita a aplicación dunhas metodoloxías de traballo e sistemas de autocontrol "sometidos á permanente revisión e supervisión das autoridades sanitarias".

Indica que precisamente "a aplicación inmediata do protocolo de alerta alimentaria e a súa correcta coordinación permitiu que en menos de 25 minutos se paralizase nas 99 escolas nas que a empresa cociña a diario o menú en curso e que este fose substituído por un menú de urxencia". Iso, resalta, "evitou unha maior propagación da reacción alérxica". 

Comentarios