O empresario Manuel Jove faise coa parcela do vello hotel Samil en Vigo por 2,6 millóns de euros

O alcalde Abel Caballero confirma que o goberno municipal ha adxudicado a parcela á cadea hostaleira Attica 21, propiedade do grupo Interavante

Hotel Samil en Vigo. INTERNET
photo_camera Hotel Samil en Vigo. INTERNET

O goberno municipal de Vigo adxudicou a parcela do antigo hotel Samil, fronte ao coñecido areal olívico, á cadea hostaleira Attica 21, propiedade do grupo Interavante (do empresario coruñés Manuel Jove), por un prezo de 2,6 millóns de euros. 

Así o confirmou, en declaracións aos medios, o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen explicou que esta foi a única oferta presentada no proceso, e que supera no medio millón de euros o prezo fixado no concurso. 

NOVO COMPLEXO. Segundo recordou o rexedor, Attica 21 ten previsto investir algo máis de 20,5 millóns de euros para construír un hotel de 4 estrelas superior. O complexo constará de 4 edificacións, cun máximo de 4 alturas, nas que haberá 125 habitacións, máis de cen prazas de aparcadoiro, piscina, spa, e outros servizos. Caballero explicou que a previsión dos adxudicatarios é que a obra dure 30 meses.

CONCESIÓN. Por outra banda, o alcalde tamén informou da adxudicación do estudo de viabilidade económica da concesión do estadio municipal de Balaídos. 
Este estudo, adxudicado por case 60.000 euros á consultora Idom, permitirá ao Concello coñecer as mellores condicións para a concesión do estadio, e o prazo de redacción do informe é de 40 días. 

Ademais, e en alusión ao estadio de Balaídos, asegurou que o novo delegado de Zona Franca, David Regades, está a estudar a forma en que este organismo estatal se involucrará na reforma do estadio. A este respecto, Caballero recordou que a anterior delegada, Teresa Pedrosa, "dixo que non" a esa colaboración.

Comentarios