Cinco empresas galegas, investigadas por fraude fiscal no sector do moble

A Axencia Tributaria (AEAT) inspeccionou 119 sociedades e 38 persoas físicas en quince comunidades

Inspectores de la Agencia Tributaria. AEP
photo_camera Inspectores da Axencia Tributaria. AEP

A Axencia Tributaria (AEAT) puxo en marcha unha operación contra a fraude fiscal no sector da fabricación e comercialización de mobles, que supuxo a realización de rexistros en 112 locais este xoves, cinco deles en Galicia.

Segundo informou a Axencia Tributaria nun comunicado, a operación, denominada Iroko, emprende actuacións inspectoras sobre 119 sociedades e 38 persoas físicas -socios e administradores das empresas investigadas- en quince comunidades autónomas.

As actuacións realizáronse á hora de apertura dos locais -fabricantes, almacenistas e comerciantes polo miúdo- e nela a Inspección Tributaria e as Unidades de Auditoría Informática accederon a documentación, información contable e sistemas informáticos.

A Axencia Tributaria iniciou unha análise do sector do moble ante o crecemento experimentado polo negocio desde 2013 que, unido á experiencia previa no sector, permitiu detectar que algunhas sociedades manipulaban a contabilidade de existencias co obxectivo de controlar os beneficios declarados e "disimular" así a ocultación de vendas.

Ademais, a Axencia tamén tiña indicios do uso de software de ocultación para manipular tanto as existencias como as vendas reais. Os locais inspeccionados atópanse en Andalucía (34), Cataluña (20), Comunidade Valenciana (16), Aragón (6), Madrid (6), Canarias (6), Galicia (5), Castela e León (5), Murcia (5), Asturias (3), Estremadura (2), Baleares (1), Cantabria (1), Castela-A Mancha (1) e A Rioxa (1).

As actuacións realizadas este xoves son de carácter administrativo, polo que non implican detencións. Participaron 400 funcionarios da área de inspección co apoio de axentes policiais e 120 funcionarios de Vixilancia Aduaneira.

Comentarios