lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

En Marea, ante o abismo

En Marea. PEPE FERRÍN
En Marea. PEPE FERRÍN

O Consello das Mareas reúnese este xoves e sobre a mesa está a posibilidade de romper o grupo

O deputado de En Marea Antón Sánchez descarta abandonar a súa acta ou pasarse ao grupo mixto como esixiu o pasado martes a dirección do partido instrumental aos parlamentarios críticos que apoiaron a elección do exconcelleiro coruñés José Manuel Sande como senador por designación autonómica ignorando o criterio marcado pola cúpula de En Marea. 

Así, nunha entrevista este mércores na TVG, o tamén portavoz de Anova cre que o movemento da dirección do partido instrumental "é unha decisión pouco responsable, moi destrutiva" e carente de "sentido común". "Neste espazo non pode funcionar só o ordeno e mando, senón que ten que funcionar o diálogo, os acordos e a vontade de ter xenerosidade", apostilou. 

A postura expresada por Sánchez de manter a súa acta como deputado do grupo de En Marea a partir deste venres –cando finaliza o ultimato dado pola dirección de En Marea– será a mesma que a do resto dos seus compañeiros sinalados por desatender á cúpula do partido instrumental. 

E é que o resto de parlamentarios apercibidos renegan da súa militancia en En Marea como organización e decántanse por Galicia en Común, o novo proxecto fundado por EU e Podemos Galicia após o divorcio no espazo político da chamada unidade popular. 

O Consello das Mareas reúnese este xoves
O Consello das Mareas, que controla o villarismo, reunirase na tarde deste xoves para abordar a situación do grupo parlamentario de En Marea en O Hórreo despois de que os deputados críticos desatendesen a esixencia da dirección para que renunciasen á súa acta. 

Na xornada do martes, a coordinadora de En Marea esixiu aos oito deputados que apoiaron nunha votación telemática a José Manuel Sande como candidato a senador por designación autonómica, en contra da proposta da dirección do partido, que renuncien á súa acta de parlamentarios.

Con todo, os deputados desatenderon esta petición e rexistraron o nome de Sande como aspirante a senador e non o de Mariló Candedo como demandaba a dirección do partido.

O prazo para rexistrar a candidatura para senador finaliza o venres ás 13:30 e sobre a mesa está a posibilidade de que o partido opte por romper o grupo antes dese momento, o que podería supoñer que En Marea deixase de ser segunda forza na Cámara e por conseguinte perdese o seu dereito para designar representante que lle corresponde para o Senado. A decisión comunicarase aos medios nunha rolda de prensa ás cinco da tarde.

En Marea, ante o abismo
Comentarios