Villares e outros tres deputados deixan En Marea e vanse ao grupo mixto

A anunciada ruptura da confluencia materialízase tras a última disputa pola designación do senador

O ata agora portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, e os seu tres deputados afíns (Paula Vázquez Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez) anunciaron que abandonan o grupo do partido instrumental na Cámara galega e pasaranse ao mixto a consecuencia das súas desavinzas co resto de parlamentarios. 

A crise interna aberta coa elección do senador por designación autonómica que correspondía a En Marea como segunda forza no Parlamento de Galicia precipitou unha ruptura que existía 'de facto' desde hai tempo entre os deputados críticos con Villares e os afíns ao maxistrado lucense, que foi o encargado de anunciar a súa marcha nunha comparencia de prensa celebrada este xoves na que estivo acompañado dos parlamentarios que o acompañarán ao mixto. 

Con todo, sobre se este tema motivará que o Grupo Parlamentario de En Marea perda a posibilidade de presentar ao seu senador por designación autonómica ao deixar de ser a primeira forza da oposición, fontes do Parlamento de Galicia consultadas por Europa Press apuntaron que a Cámara "non se adiantará aos acontecementos". 

Así, estas fontes sinalan que, unha vez se rexistre a marcha de Luís Villares, Paula Vázquez Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez ao grupo mixto, a solicitude "tramitarase conforme a dereito" e "con arranxo ao que indiquen os servizos xurídicos" do Lexislativo. 

Na súa comparecencia e flanqueado polos parlamentarios que lle son afíns e gran parte da dirección de En Marea, Luís Villares asegurou que a súa marcha ao mixto débese a que o actual grupo parlamentario "xa non representa a En Marea, senón a Podemos e aos que deciden seguir os seus ditados", en referencia a Anova e Esquerda Unida. 

O maxistrado en excedencia volveu a cargar con dureza contra Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias, ao que acusa de "interntar facerse co control de En Marea, tratando de destruír a confluencia para fundar un proxecto alternativo que é a antítese de En Marea". 

O paso de Villares prodúcese en véspera do fin do prazo dado aos deputados críticos para que acatasen o nomeamento de Mariló Candedo (proposta pola dirección de En Marea) para o cargo de senador ou abandonasen o grupo parlamentario. 

"Nada disto sucedeu e non é previsible que suceda. Pero non sexamos inocentes e asumamos a realidade política imposta por Podemos, coa complicidade seguidista da dirección de Anova", incidiu Villares antes de anunciar o seu paso ao mixto xunto con Rodríguez, Casal e Vázquez Verao. 

Deste xeito, puxo o foco en que as "normas de convivencia" que "marcaban os estatutos de En Marea" permitían a coexistencia de "dúas sensibilidades" dentro do grupo, pero que esta realidade "xa non é así" pois están "aqueles deputados leais ao mandato" do partido instrumental e "aqueles que obedecen as consignas dunha organización diferente: Podemos".

REEDITAN. Así pois, rompe o único espazo onde aínda permanecía unido formalmente o espazo político da chamada unidade popular, tendo en conta que nas eleccións xerais escenificouse o divorcio coa división en dúas candidaturas que competiron entre si: a En Marea de Villares, que obtivo menos de 18.000 votos, e a coalición En Común-Unidas Podemos, integrada por EU e Podemos e que se fixo con dous deputados. Anova, pola súa banda, quedou descolgada e optou por non concorrer aos comicios do 28 de abril. 

Ademais, En Marea revive o acontecido coa súa predecesora, Alternativa Galega de Esquerdas, que viu como tres dos seus nove deputados acababan a pasada lexislatura no grupo mixto tamén polas tensións internas. 

A ruptura suporá que os deputados que quedan no grupo de En Marea serán os que renegan da súa pertenza ao partido instrumental, mentres que os parlamentarios que integrarán o mixto son leais ao proxecto nado na asemblea de Vigo celebrada en xullo de 2016, menos de dous meses antes das eleccións autonómicas nas que o proxecto rupturista logrou 271.418 votos e 14 escanos.

RELANZAR O "PROXECTO". Así as cousas, Villares confía en que o traballo desde o grupo mixto sirva para relanzar un "proxecto renovado que recupera a ilusión perdida polas pelexas internas" con base en "unha coralidade republicana e progresista ampla" ao redor das ideas do "feminismo, ecoloxismo, xustiza social" e cunha "idea nacional inclusiva". 

Así mesmo, incide en que é necesario aparcar os "enfados e as estridencias" que atribúe á dirección de Podemos con Pablo Iglesias á fronte. "Xa está ben de enfados, de discusións e leas. Cando alguén vén cunha solución, vén cun sorriso. E aquí está esta nova marea, que con humildade pero con determinación, abre un novo ciclo institucional cun sorriso á democracia social no noso país", resolveu Villares. 

O maxistrado nega que a súa marcha ao mixto teña un transfondo económico –En Marea comezará en xullo a cobrar aos seus inscritos pola débeda contraida durante os procesos electorais dos últimos dous meses– senón que se debe á "responsabilidade" co proxecto do partido instrumental para así "deixar de falar de cuestións internas" que impedían a "visualización" do traballo político.

O SENADOR, O ÚLTIMO DESENCONTRO. A elección do senador foi o último dos desencontros do grupo de En Marea, que viviu ao bordo da ruptura desde marzo do pasado ano cando o episodio da deputada Paula Quinteiro agrandou as diferenzas entre os dous bloques que convivían na Cámara galega: os afíns a Villares (tres máis o portavoz) e o resto, membros de Podemos, EU e Anova que apoiaron a continuidade de Quinteiro cando a dirección política de En Marea pedía a súa marcha. 

A iso fixo referencia tamén o portavoz orgánico de En Marea, que afirmou que Quinteiro "foi amparada única e exclusivamente por ter o carné de Podemos". Así mesmo, Villares repasou os desencontros entre a súa dirección e o sector crítico que, tras as polémicas primarias de decembro de 2018, terminou por abandonar o partido instrumental. 

"Gardamos silencio e aguantamos o que tiñamos que aguantar mentres outros se dedicaban a dinamitar o proxecto común. En Marea non é propiedade de Podemos nin doutra forza política. Non nos resignamos a deixarnos devorar", aseverou. 

Por último, e a preguntas dos medios, Villares confesou que só comunicara a súa decisión a "algúns" dos seus ata agora compañeiros e que o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras (un dos que iniciou os movementos para que o maxistrado dese o paso á política en 2016) tampouco estaba ao tanto da súa marcha ao mixto. 

Así as cousas, a dirección de En Marea, que encara este verán un proceso interno para o seu reconfiguración tras os malos resultados obtidos en xerais e municipais, fixa a vista nas autonómicas previstas de 2020 porque cren que están "a tempo de parar a desilusión" e así "disputar a hexemonía ao PP no campo político galego". 

"Todo o que temos que comunicar son as nosas propostas políticas", engadiu, para, a continuación, indicar que a articulación dunha "alternativa" á dereita "ten que ser cooperativa" pero "non só pensando en Podemos", senón tamén "no PSOE e o BNG". 

Comentarios