Endesa entregará 120 equipos informáticos a estudantes galegos en situación de vulnerabilidade, acción incluída dentro do plan de responsabilidade pública que a compañía está a aplicar con motivo da pandemia do coronavirus.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Fundación Endesa asinaron este luns o correspondente convenio para realizar esta acción.
Con base nun investimento de 2 millóns de euros, Endesa está a doar nas comunidades onde opera ordenadores, cos seus correspondentes cartóns de conexión a internet, a alumnos en situación de vulnerabilidade. Ademais, estudantes e profesores reciben formación en habilidades dixitais.
Deste xeito Endesa quere minimizar o risco que a fenda dixital supón para os mozos en situación de vulnerabilidade que non poden acceder á teleformación que realizan os colexios.
O convenio asinado polo secretario xeral de Educación e FP, José Luís Mira Lema, e polo responsable de Relacións Institucionais de Endesa Noroeste, José Antonio Menéndez Lolo, establece os vinte e sete centros docentes cuxos alumnos se beneficiarán desta actuación.
Son dezaoito colexios de Ferrol, cinco das Pontes, un da Capela, outro de Monfero e dous de Viana do Bolo. Nas citadas localidades hai instalacións da compañía. Todos os equipos están dotados con cartóns de conexión a internet, de cuxo custo de operación tamén se encarga Endesa ao longo dos próximos meses.