Enfróntase a catro anos de cárcere por acceder ao historial clínico da súa filla sen permiso

A muller, que é traballadora do Sergas, furgou máis dun centenar de veces na historia da súa filla

Juzgados de Vigo, sección quinta de la Audiencia Provincial de Pontevedra. ADP
photo_camera Xulgados de Vigo, sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra. ADP

A Fiscalía pide catro anos de prisión, nove de inhabilitación e unha multa de 7.200 euros para unha traballadora do Sergas que accedeu en máis dun centenar de ocasións á historia clínica da súa filla sen o consentimento nin coñecemento desta. 

M.J.O.A., que será xulgada o mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo), está acusada dun delito continuado de descubrimento de segredos relativos á saúde da vítima por funcionario público. 

Segundo o escrito de acusación, a muller aproveitouse do seu traballo no departamento de Admisión do Hospital Xeral de Vigo e, entre xuño do 2012 e abril de 2014, accedeu (utilizando a súa clave no sistema IANUS) en 101 ocasións á historia clínica electrónica da súa filla. A filla, maior de idade, non consentira de forma expresa esas consultas, nin había unha xustificación asistencial para explicar eses accesos á historia clínica. 

Así, a Fiscalía sostén que a nai actuou "co ánimo de invadir a esfera máis persoal e íntima da súa filla, así como tomar coñecemento de feitos ou circunstancias relativas ao seu estado de saúde, tratamentos médicos, asistencias facultativas e demais datos relacionados coa súa saúde, que nunca lle foron comunicados pola súa filla con anterioridade". 

O ministerio público considera, no entanto, que non quedou acreditado que a acusada divulgase entre terceiras persoas os datos médicos relativos á saúde da súa filla.