Enfrontamentos en Sanxenxo por unha convocatoria dun colectivo de defensores do español 

A asociación Hablamos Español instalou unha mesa de recollida de sinaturas para a súa ILP "en favor de la libertad de lengua" na Praza Pascual Veiga

Un grupo de defensores do galego, e máis concretamente da toponimia oficial de Sanxenxo, protagonizou este sábado un enfrontamento coa asociación Hablamos Español Libertad de Elección de Lengua, que contaba con permiso oficial para instalar unha mesa de recollida de sinaturas para a súa ILP "en favor de la libertad de lengua" na Praza Pascual Veiga. 

A polémica suscitouse xa o venres coa difusión do cartel da convocatoria, no que o principal reclamo é o emprego do topónimo Sanjenjo, no cando do oficial, Sanxenxo. O debate, que se foi quentando nas redes, tivo o seu eco no día da convocatoria, posto que un grupo moi nutrido de mozos e mozas se presentaron no punto fixado para tocar a gaita e a pandeireta e disuadir aos firmantes ao ritmo de cancións tradicionais como A saia da Carolina

"A praza é do pobo e pertence ao pobo. Aquí non se pode poñer nada, nin que o diga Telmo, nin que o diga a reina bendita", aconsellou un dos participantes no 'piquete' aos promotores da iniciativa. O colectivo, que contaba con permisos do Concello, chamou a Policía Local e á Gardia Civil para poder executar a súa campaña. 

Os defensores do galego negáronse a retirarse do lugar e trataron de seguir coas súas reivindicacións. A mesa de Hablamos Español, á súa vez, recibiu a visita de varios defensores da ILP e turistas.

A ILP é unha iniciativa promovida persoalmente pola presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, que tamén estivo presente en Sanxenxo nas confrontacións veciñais.

O BNG censura a complicidade do Goberno local PP-SAL

BNG. O BNG de Sanxenxo censurou o venres a complicidade do Goberno local PP-SAL,que, afirmaron, "ceden un espazo público para recoller sinaturas,incluso de persoas alleas ao noso concello, co fin de impoñernos unha toponímia respecto do nome do noso concello, Sanxenxo, infrinxindo a lei de normalización lingüística e o que é peor, o nome histórico que nin tan siquera o franquismo logrou derrubar. Somos veciños e veciñas de Sanxenxo e ningunha pseudo plataforma allea a nós vai cambiar o nome que os nosos/as avos/as pronunciaron con orgullo: Sanxenxo".

"Xa en varias ocasións, Telmo Martín e Pita, acomplexados, manifestaban que lles daba igual como nos chamaran con tal de que viñeran turistas, agora ata o punto de ceder espazos públicos para que os de fora decidan como nos chamamos, intentando eliminar a nosa identidade como pobo", apunta o equipo nacionalista. 

Comentarios