Entregan á súa nai a un menor que conduciu de forma temeraria por Carral

O mozo de 17 anos foi acusado de tres delitos contra a seguridade viaria

Un menor de 17 anos foi detido, acusado de tres delitos contra a seguridade viaria, logo de conducir de forma temeraria por Carral (A Coruña) e que parou ante as indicacións da Garda Civil. 

O 8 de setembro o menor fora sorprendido por unha patrulla de Tráfico da Coruña preto de Carral, con condución temeraria que puña en grave "risco ao resto de usuarios da vía", nun día cun importante aumento de circulación e de peóns, polas festas da localidade, segundo informa a Garda Civil. 

Con todo, o condutor fixo caso omiso dos sinais dos axentes e continuou sen poder ser parado. Para evitar un risco maior, os axentes desistiron do seu seguimento unha vez lograron ter constancia da identidade do condutor, un menor de 17 anos e sen permiso de conducir. 

Na tarde deste venres, o Grupo de investigación e análise de tráfico (GIAT) estableceu un dispositivo de control para localizar ao condutor. Así, ás nove da noite, sorprendérono de novo conducindo o mesmo coche, polo que foi detido como autor dun delito de condución temeraria e dous delitos de condución sen carné. 

Tras finalizar as dilixencias nas dependencias policiais, foi posto en liberdade e entregado á súa nai. 

A Garda Civil informa que xa lle constaba outro antecedente por conducir sen carné en xaneiro e investígase por se existe algunha responsabilidade por parte do propietario do coche que, podería ser "investigado" como cooperador necesario nun delito contra a seguridade viaria. 
O ateigado instruído será entregado na Fiscalía do TSXG ao ser un menor. 
 

Comentarios