Ana Pontón: "Nada sería máis revolucionario que ter unha nacionalista como presidenta"

Na cabeza de portavoz nacional do BNG, que anda a mil entre a lactancia e as enquisas, o cambio político en Galicia é posible o 5-A. Pero para logralo, advirte, hai que unir na papeleta da súa formación todo o voto nacionalista e galeguista
Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977). LUIS POLO
photo_camera Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977). LUIS POLO

O anuncio electoral colleuna de baixa por maternidade. Como chega a esta campaña?
É evidente que no persoal eu prefería outro escenario, xa que a maternidade é un momento moi bonito e moi esixente. Pero o reto que temos por diante é superilusionante e o feito de ter unha filla dáme unha razón máis poderosa para seguir loitando por aquilo no que creo: un país onde a xente teña máis oportunidades e cun futuro máis esperanzador. Así que afronto a campaña en plena forma e con moitas ganas.

Xa leva unhas campañas ás costas. Que sensacións ten para esta?
Síntome un pouco desbordada polo entusiasmo que vexo arredor. Sorpréndeme que a xente me pare pola rúa para dicirme que este é o momento e que confían en que o BNG sexa quen de dar o gran salto para que neste país se produza un cambio real. E que sería máis revolucionario que unha presidenta muller e do BNG!

Todas as enquisas coinciden na suba do BNG, pero non na maioría absoluta do PPdeG.
As enquisas dannos tendencias e hai unha clara: o PP baixa e o BNG sobe. Se hai unha gran participación e unimos na papeleta do Bloque todo o voto nacionalista, galeguista e daqueles que queren un cambio real, o 5 de abril ese cambio será unha realidade.

Como será a campaña do BNG?
En positivo, de ideas, ilusionante, na que queremos amosarlle aos galegos que hai un novo país que podemos construír entre todas e todos se deixamos atrás a submisión a Madrid. O cambio non pode ser de alternancia e de caras; non podemos seguir atados de pés e mans ao que decidan as direccións madrileñas dos partidos estatais. O gran cambio que precisa Galicia é ter un goberno que sexa quen de defender os nosos intereses ante quen sexa, sen estar condicionado por ese ‘madridcentrismo’ das forzas estatais e que é un lastre.

Estou convencida de que, nos últimos dez anos, este é o momento no que o cambio político en Galicia é máis posible

Cre que a campaña moverá voto?
Penso que as campañas en xeral son decisivas e que esta vai ser determinante. Un elemento clave será a mobilización, sobre todo a daquelas persoas que queren cambio pero que dubidan se vai a ser realidade ou non. Eu a esa xente dígolle que se o 5-A van votar e concentramos o voto do cambio no BNG, lograremos que non se repitan estas maiorías absolutistas do PP, tan inútiles para Galicia.

Como pode influir nesa mobilización que se vote en vacacións?
Creo que Feijóo, cando convocou as eleccións, valorou que moita xente doutras forzas poida estar fóra na Semana Santa, xogando a que eses votos se perdan. Por iso cómpre lembrarlles a todos a posibilidade do voto por correo.

Vostede estivo na campaña de 2005. Ve máis difícil derrotar agora o PPdeG ou naquel momento?
Do único que teño convencemento e de que, nos últimos dez anos, este é o momento en que o cambio é máis posible. E que máis cambio que unha muller presidenta e nacionalista! Iso poñería no mapa a Galicia, como tamén a puxo o deputado do BNG en Madrid co acordo de investidura. Se fixemos iso cun só escano, que non seremos quen de facer cunha presidenta!

Se alguén pensaba que nos ía coller a medio gas, equivocouse rotundamente

Non teme que o acordo para investir a Sánchez deixe o futuro electoral do BNG en mans do propio destino do Executivo central?
Non foi un pacto de partidos senón un pacto con Galicia, xa que a volve colocar na axenda do Estado. É unha sensación de orgullo, de que Galicia pinta algo. O acordo BNG-PSOE é de investidura, non de lexislatura, e seremos esixentes co seu cumprimento. Levamos dez anos cun problema de submisión de Feijóo a Rajoy e Galicia non precisa cambiar a submisión dun partido pola de outro, senón apostar por unha presidenta coas mans libres para defendela.

Por certo, que nota lle dá ao Executivo central neste tempo?
É moi pouco tempo para poder avalialo. Vaime gustar cando vexa que todos e cada un dos puntos do acordo do BNG se cumpren.

A industria galega está en crise e agora o campo tamén sae á rúa. Que solucións hai?
O desastre de Feijóo é tal que non hai nin un só aspecto da política económica que mellorase: nin a industrial, nin o sector agrario, nin a pesca e o marisqueo... Só se salva o sector servizos, pero unha economía debe ser produtiva para ter futuro. E o mellor retrato do fracaso de Feijóo é que responsabiliza de todo o Goberno central, cando o único que fai é recoñecer a inutilidade da Xunta para afrontar os retos que ten a economía galega. Euskadi negociou con Rajoy unha rebaixa do prezo da electricidade para as empresas vascas, algo que o BNG leva tempo defendendo que se faga aquí. Pero Feijóo prefire alinearse cos intereses das eléctricas de Madrid.

Non nos podemos permitir que nin unha soa persoa que queira o cambio quede na casa. O 5-A cada voto será clave

Debe cobrar Galicia o Ive de 2017?
Se o Estado nos debe ese Ive ten que pagalo. Pero o señor Feijóo ten aí unha responsabilidade importante, por non atreverse a reclamar por vía xudicial cando llo pedimos. Ademais, isto destapa o veradeiro problema de fondo: que desde Madrid deciden sobre os nosos impostos. Por iso debemos aspirar a un concerto económico que faga que a chave dos cartos deixe de estar en Madrid e a teñan as galegas e galegos. 

Está mudando a relación do Estado coas comunidades cara a un modelo de bilateralidade?
Neste momento existe bilateralidade con Cataluña e tamén con Euskadi. E cremos que Galicia, para poder avanzar, ten que pór sobre a mesa a súa propia a axenda e reclamar esa bilateralidade, porque a nós no café para todos sempre nos poñen o máis amargo. Non é de recibo que levemos dez anos de seca total de autogoberno, co triste récord de non conseguir nin unha soa competencia. E cando outros as logran, como o País Vasco, en lugar de reclamar máis, a Xunta de Feijóo quéixase.

Criticou o turismo electoral de PP e PSOE estes días. Teme unha campaña en clave moi estatal?
Eu o que agardo é que falemos de Galicia, aínda que só sexa por unha vez. Os presidentes non van ser Pedro [Sánchez], nin Pablo [Casado] nin o outro Pablo [Iglesias].

Se puxemos a Galicia no mapa cun só escano no Congreso, que non seremos quen de facer cunha muller presidenta?

Recibiu o BNG ofertas de coalición de En Marea, CxG e Anova?
Ese é un asunto que desperta grande interese xornalístico. Eu só digo que o BNG é un proxecto serio, definido e coas portas abertas para toda xente que lle quere a este país. O relevante hoxe é que o 5-A os galegos que queren un proxecto propio teñen unha papeleta que os representa: a do BNG.

Pero mellor que a esquerda só vaia en tres listas e non en cinco, non?
Unha non pode criticar que haxa candidaturas porque o pluralismo político é un valor. A partir de aí debemos ter claro quen é o noso adversario político: o PPdeG.

Teme que a inestabilidade do rupturismo pase factura á imaxe dunha alternativa conxunta a ese PP?
Aquí hai un marco que construíu Feijóo sobre que só el é a estabilidade. Pero que estabilidade achegou aos 200.000 mozos que emigraron? E ás explotacións que pecharon? E ao comercio que atravesa unha crise brutal? Non acredito na teoría de que un goberno monopartito é mellor; un goberno valórase polas súas políticas, non polos partidos que o integran. Por certo, o PP hoxe ben que protagoniza bipartitos e tripartitos que son un perigo, branqueando a extrema dereita.

Un goberno valórase polas súas políticas, non polos partidos que o compoñen; non é máis estable un monopartito

Ve posible o ‘sorpasso’ do Bloque ao PSdeG?
Eu confío en poder derrotar a Feijóo e en que Galicia poida ter unha presidenta nacionalista.

As enquisas non lle dan entrada a Vox e Cs en Galicia. Como o ve?
Feijóo está desesperado por evitar que outra forza entre no seu espazo e está sobreactuando coa suposta confrontación que ten con Vox, cando en realidade son dúas caras da mesma moeda. Non hai tanto que Abascal e Feijóo compartían militancia no mesmo partido.

Un prognóstico para o 5 de abril?
Sempre é dificil facer quinielas, pero vou dicir un desexo compartido ademais por unha maioría social: que o 5 de abril fagamos historia apostando por unha muller nacionalista para a presidencia.

MOI PERSOAL | "A maternidade transfórmate, hai outras prioridades" 
Como carga pilas para o 5-A?
Ultimamente como máis cargo pilas é durmindo, aínda que o que máis me gusta é poder ter algo de tempo para a familia, que estes meses se bota máis de menos, e para os amigos, que os teño algo abandonados.
Un bo sitio para illarse?
Para min Chorente [Sarria]. Non é unha illa, pero si é un bo refuxio.
Ten número da sorte?
Téñolle afecto ao 7 porque se repite moito na miña data de nacemento: 27-7-77. Pero non me funciona moito!
Vaia! José Manuel Baltar tamén é un fan confeso do número 7.
Pois vaia mala coincidencia!
E algunha cor favorita?
Eu uso moito as cores.
Que libro está a ler?
Un sobre lactancia materna: Un regalo para toda la vida.
Cambiou moito Ana Pontón co nacemento de Icía?
Si é certo que a maternidade te transforma, pero non sei se te cambia totalmente. Sentes que tes maior responsabilidade porque hai unha personiña que depende de ti e boa parte do que vai ser está determinado pola educación e os valores que sexas capaz de transmitirlle. O que si noto é que hai un cambio de prioridades.
Un soño?
Pois ser presidenta da Xunta de Galicia.