O equipo de Seaga para retirar niños de velutinas contará con 80 traballadores

Comezarán a traballar a partir da próxima semana

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este venres o encargo para que a empresa pública Seaga asuma a retirada e destrución dos niños da avespa velutina en todo o territorio galego, para o que contará cun equipo de 80 traballadores.

O grupo de intervención estará integrado por 76 traballadores, que se distribuirán nos cinco centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, en función da evolución do número de avisos. A eles se suman outros catro traballadores que forman parte do equipo de coordinación para levar a cabo tarefas de carácter técnico e administrativo.

Segundo avanzou Rueda, os efectivos empezarán a traballar desde a próxima semana en cumprimento desta resolución que se publica este venres no Diario Oficial de Galicia. O vicepresidente destacou o interese dos concellos galegos nesta iniciativa que, a día de hoxe, conta con 275 municipios adheridos, o que supón case o 90 por cento dos da comunidade.

Os empregados de Seaga ocuparanse da retirada dos niños situados en lugares accesibles e a menos de 25 metros de altura. O prazo de resposta será de cinco días hábiles desde que se reciba o aviso do incidente no número de información 012. Nos casos dos niños inaccesibles e que non estean en altura, o tempo de actuación poderá ser superior aos cinco días.

O programa conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local. 

Comentarios