Javier Escribano conta xa cos 350 avais necesarios para optar a liderar o PP local da Coruña

"O actual modelo de partido está esgotado, non se corresponde coas expectativas da militancia máis activa", asegura
Javier Escribano
photo_camera Javier Escribano

O exdiputado e candidato á presidencia do PP local da Coruña, Javier Escribano, asegura que este mércores certificou "ante notario" que xa conta cos 350 avais necesarios para poder concorrer ao congreso do 21 de abril e dar a batalla nunha cita na que pugna coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.  

En todo caso, nun comunicado, sinalou que os voluntarios que colaboran na súa campaña seguirán recollendo os avais ata o mesmo día do congreso, fixado para o próximo día 21. No entanto, en palabras de Escribano, unha vez alcanzada a cifra de 350 avais, "o importante é centrarse na votación onde cada afiliado pode exercer o seu voto de xeito secreto".

O aspirante trasladou "a súa gratitude" e a do seu equipo "a todas aquelas persoas que xa comprometeron o seu apoio á opción que el representa".

Escribano: "O importante é centrarse na votación onde cada afiliado pode exercer o seu voto"

Á espera dunha "valoración máis extensa" sobre este primeiro tramo da campaña, o seu equipo trasladou a súa "satisfacción" e "o impulso" que supón "chegar ata aquí", un traballo "no que este importante número de afiliados de base manifestaron o apoio ás teses da candidatura de Escribano".  

"Tese nas que se pon en evidencia que o actual modelo de partido está esgotado, que non se corresponde coas expectativas da militancia máis activa e máis en contacto co cidadán", remarcou.  

Para rematar, sinalou que os avais solicitados "permiten unha auténtica competencia electoral", xa que o próximo presidente do PP coruñés "sairá elixido polo voto directo" dos participantes no congreso. "Haberá verdadeira liberdade para elixir", concluíu.

Comentarios