As vítimas do Alvia esixen explicacións a Feijóo por suxerir "rebaixar a seguridade" do Ave

A plataforma baséase nas acusacións de Ábalos ao presidente galego e pídenlle que o aclare 
Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 esixiron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que explique que hai de certo nas acusacións que realizou o martes o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, nas que asegurou que o presidente galego "suxeriu" ao seu departamento rebaixar a seguridade do Ave acurtar os prazos. 

O ministro asegurou que Feijóo "suxeriu" incorporar o sistema de seguridade Asfa no tren de alta velocidade de Galicia para acelerar a chegada, pero Ábalos incide en que o Ministerio optou polo "nivel máximo de seguridade", o sistema Ertms

Por este motivo, a plataforma remitiu unha carta ao presidente galego na que sostén que, se as declaracións de Ábalos son certas, causan un "gran dor e estupor" para eles, pois "parece que os réditos políticos seguen por encima da vida das persoas e que non aprendemos nada" do accidente de Angrois de 2013. 

Así, piden a Feijóo que aclare se tamén "suxeriu" en 2010 ao ex-ministro socialista, José Blanco, que realizase o cambio de proxecto orixinal do Ave Ourense-Santiago, que supuxo suprimir o sistema de seguridade Ertms na curva, o "tramo máis perigoso", para "acelerar prazos". 

As vítimas do Alvia reclaman a Ábalos "impulsar que se poña en marcha unha investigación técnica independente"

Ademais, ás vítimas do Alvia "gustaríalles saber" se o presidente galego "tivo algo que ver" coa desconexión do sistema Ertms en 2012 antes da curva de Angrois, porque "xeraba atrasos no Ave".

PIDEN UNHA INVESTIGACIÓN INDEPENDENTE. A plataforma insiste en que "os peritos expertos e a UE" sinalaron que se este sistema de seguridade Ertms estivese operativo en Angrois, non habería "en Galicia os 80 mortos e 140 feridos" que supuxo o accidente. 

"O sistema Asfa non é un sistema de seguridade, senón un sistema de axuda á condución que proporciona unha protección moi limitada", engadiu. 

As vítimas do Alvia reclaman a Ábalos "impulsar que se poña en marcha unha investigación técnica independente" sobre o accidente de Angrois, "tal e como suxeriu a UE en reiteradas ocasións". 

Pediron tamén que "deixen de utilizar os prazos como arma política arreboladiza e de inmiscirse en consideracións técnicas", porque "non podemos permitir que se siga xogando coa vida das persoas". 

Comentarios