Un especialista tributario ve "coherente" o patrimonio da familia de Sito Miñanco

O perito da defensa di que aprecia "erros de percepción" nos estudos de Facenda

Sito Miñanco llega a la última jornada del juicio por blanqueo SALVADOR SAS
photo_camera Sito Miñanco chega á última xornada do xuízo por branqueo. SALVADOR SAS

Un perito especialista en asuntos fiscais e tributarios asegurou este luns que o patrimonio da familia do narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, é "coherente" cos seus ingresos e descartou que, como sostén o fiscal, proceda de actividades relacionadas coa droga.

Este experto, contratado pola defensa, asegurou que tras analizar os informes realizados pola Axencia Tributaria sobre a actividade económica da primeira esposa de Miñanco, María Rosa Pouso Navaza, e a súa filla Rosa María Prado Pouso, non foi "capaz" de identificar un "desfasamento patrimonial" na contabilidade da inmobiliaria San Saturnino.

Foi, a través desta sociedade, segundo a acusación, como Miñanco e os outros catro acusados blanquearon 10 millóns de euros entre os anos 1988 e 2007, coa compra de diversas propiedades na provincia de Pontevedra usando diñeiro procedente do narcotráfico.

O perito, con todo, aprecia "erros de percepción" nos estudos de Facenda, entre outras cuestións, ao calcular os gastos medios diarios da unidade familiar en base ao custo da vida en Madrid, cando en Galicia "é moito menos diñeiro".

Ante o tribunal declarou tamén un perito da empresa Balmesa, que traballa como soporte técnico de Facenda e fixo unha valoración os bens dos acusados, pero tan só se ratificou no seu informe e asegurou non recordar detalles do traballo ou valoracións específicas.

Ao termo do xuízo, o avogado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, asegurou que non hai proba algunha ou documento que detecte "inxección de diñeiro" na inmobiliaria procedente do seu cliente, mentres que o letrado da súa primeira esposa, Alejandro Vega, responsabilizou ao fiscal de non exercer unha "acusación seria" ante a falta de evidencias.

O xuízo quedará visto para sentenza o vindeiro venres, día no que as partes están citadas de novo na Audiencia de Pontevedra para emitir as súas conclusións e informes finais. 

Comentarios