O Estado insiste en que Franco "se apropiou ilicitamente" de Meirás cunha fraude

A Avogacía do Estado e os herdeiros de Franco defenderon este xoves, nas súas conclusións do xuízo sobre a propiedade do pazo, que ambos poderían adquirir o ben por usucapión
Luis Felipe Utrera-Molina, abogado de la familia Franco, conversa con Miguel Torres, abogado del concello de Sada, mientras la subdelegada del Gobierno en A Coruña, Pilar López-Rioboo, se encuentra al otro lado de la columna, momentos antes de iniciarse una nueva sesión del juicio por la propiedad del Pazo de Meirás. EFE
photo_camera Luis Felipe Utrera-Molina, avogado da familia Franco, conversa con Miguel Torres, avogado do concello de Sada, momentos antes de iniciarse unha nova sesión do xuízo. EFE

O Estado sostén que Franco non adquiriu o Pazo de Meirás porque os posibles títulos de adquisición de 1938 e 1941 "son nulos, o primeiro por defecto de forma e o segundo por simulación absoluta". Defende que é a administración a que adquire o ben por usucapión "por uso continuado para fin público", e que os herdeiros non adquiriron o dominio sobre o pazo porque "non teñen ningún título válido" e o "ben é intransmisible", tampouco por usucapión porque ao ingresar o pazo no dominio público é imprescriptible.

Na cuarta e última xornada do xuízo, o avogado do Estado xefe en Galicia, Javier Suárez, subliñou a partir de aí que Franco "se apropiou ilicitamente" de Meirás mediante "unha fraude", en referencia á escritura de compravenda de 1941. "Estamos ante un título simulado que busca xerar a aparencia de que Franco o adquiriu", dixo en alusión á escritura. 

Pola súa banda, a defensa do Franco contempla a nulidade da escritura do 38 pero non a do 41, porque "a vontade de todas as persoas que participaron" naquel momento "era inequívoca" acerca de realizar unha transmisión dominical do inmoble a Franco e deste de posuílo, pois consideraba que "Meirás era seu", e descarta que o Estado se pode arrogar como posuidor en concepto de dono para usucapir o ben porque a persoa física que posuíu o pazo e o usou como a súa residencia foi Franco.

Ademais, alega o letrado, aínda que a administración posuíse ou estivese presente no pazo por ser Franco xefe do Estado non o fixo en exclusiva nin ininterrompidamente, posto que o ditador asumiu determinados gastos e ademais a Administración pública xiráballe cada ano os recibos de contribución por exemplo, polo que non cabería a usucapión que alega o Estado, apostila.

Tamén argumenta que aínda que houbese usucapido o Estado o inmoble en 1975, cando morreu Franco, evidénciase desde ese momento, di o avogado, un abandono do dereito de propiedade porque "se desentendeu do pazo, non asumiu os gastos, designou outros edificios como residencia do xefe do Estado" e "explicitamente a efectos administrativos ou rexistrais" designou os herdeiros como propietarios, aínda habendo un garda hortelano ata 1990.

"Se foi adquirido con diñeiro e suor do pobo debe ser devolto por fin ao pobo", di o letrado da Xunta

Iso ocorre case 30 anos antes de que o Estado se arrogue un dereito sobre esta propiedade ao presentar a demanda, apunta o letrado en relación ao período necesario para a usucapión extraordinaria, e é "incontrovertida a usucapión ordinaria", para a que se requiren dez anos, pois a demandante recoñece a posesión dos herdeiros desde 1990 para todos os efectos, di.

No xuízo, celebrado no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña e coa Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación provincial como partes, compareceron dezaseis testemuñas, entre eles veciños de Meirás, historiadores, peritos ou un funcionario. Algunhas das declaracións foron máis persoais, como as do veciño de Meirás que aseguraba que á súa avoa fora expulsada da súa casa" para ampliar a propiedade do pazo, e outras, case todas, remontábanse ao ano 1938 para relatar que a subscrición popular non foi voluntaria senón "forzosa".

Este xoves o letrado da Xunta, que apoiou as argumentacións do Estado, instou a lembrar a quen realizou achegas dunha ou outra forma para o inmoble e engadiu que se "foi adquirido con diñeiro e suor do pobo debe ser devolto por fin ao pobo". Con todo, apunta o avogado do Franco, "é irrelevante a efectos deste litixio se as achegas para sufragar o pazo eran voluntarias ou forzosas porque non saíron do erario público, senón de cidadáns particulares que non son parte no procedemento".

As partes coincidiron en que "hai que facer xustiza histórica" pero, finalizou o letrado dos herdeiros, "este non é o lugar" senón que esas cuestións deben dilucidarse "noutros foros". "Este non é un xuízo político nin histórico, non vai de se Franco era bo, malo ou regular", concluíu Gil antes de quedar o caso visto para sentenza.

Comentarios