Evacuadas dúas mulleres, unha delas embarazada, tras sufrir un accidente en Vilagarcía 

O vehículo no que viaxaban deu varias voltas de campá

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron este martes a dúas mulleres, unha delas embarazada, tras resultar feridas ao dar varias voltas de campá o coche no que viaxaban en Vilagarcía, segundo informa o 112. 

Sucedeu ás 18.20 horas deste martes na estrada de Catoira a Vilagarcía, ao paso polo lugar de Bamio. Así o comunicou un veciño que contactou co 112 para pedir axuda para as mulleres logo de saírse da vía e saltar o quita medos o turismo no que circulaban. 

Ante a posibilidade de que as feridas estivesen ademais atrapadas, o persoal do 112 informou aos Bombeiros de Vilagarcía, que axudaron a unha das mulleres a saír do coche. 

Finalmente, as dúas foron trasladadas por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia para ser sometidas a un recoñecemento médico, posto que unha delas está en estado de gravidez. Con todo, segundo indicaron os bombeiros, as lesións parecían leves. 

No operativo colaboraron tamén os membros do Servizo Municipal de Urxencias de Vilagarcía e os axentes da Garda Civil de Tráfico.