Evacuado ao hospital un neno tras caer e golpearse na cabeza nun restaurante de Begonte

O suceso causou gran alarma ao quedar o pequeno inconsciente nun primeiro momento

Ambulancia do 061. ARQUIVO
photo_camera Ambulancia do 061. TOÑO PARGA (ARQUIVO)

Un neno duns dous anos de idade foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) tras sufrir unha caída este sábado nun restaurante de Begonte e levar un forte golpe na cabeza.

O 112 Galicia recibiu o aviso ás 15.20 horas de que un neno se tropezou e, como consecuencia do golpe, atopábase inconsciente e con convulsións.

A central de urxencias alertou á Garda Civil e ao 061, que mobilizou ata o lugar un helicóptero. Cando chegaron os servizos de urxencias, o pequeno xa se atopaba consciente e fora atendido por unha médica e unha enfermeira que estaban no restaurante. Aínda así, foi evacuado en ambulancia ao Hula.

O incidente causou unha gran alarma no lugar. Inicialmente, a Garda Civil cortou a estrada LU-541 para que puidese aterrar o helicóptero, que finalmente o fixo sobre un prado contiguo ao restaurante.