Expedientan a De Lara por atrasos inxustificados e incremento ficticio do volume de traballo

É a responsable dalgunhas das macrocausas máis relevantes que se investigaron nos últimos anos en Galicia, como a operación Pokemon ou o Campeón

Pilar de Lara. J.VÁZQUEZ
photo_camera Pilar de Lara. J.VÁZQUEZ

O promotor de acción disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) acordou incoar expediente á titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, por atrasos "inxustificados" nas súas causas e "decisións que ocasionaron un ficticio incremento do volume de traballo". 

Segundo confirmaron fontes xudiciais, o expediente disciplinario ábrese pola suposta comisión dunha falta prevista nos artigos 417.9, 418.11 e 419.3 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que se refire a desatención "ou atrasos inxustificados na instrución de causas penais". Do mesmo xeito, tamén considera que se puido cometer unha falta prevista no artigo 418.16 da mesma norma, que se refire a adoptar "decisións que, con manifesto abuso procesual, xeren ficticios incrementos do volume de traballo en relación cos sistemas de medición fixados polo CGPJ". 

A incoación do expediente baséase nas actas levantadas polo Servizo de Inspección en relación coa situación do xulgado, entre elas a resultante da inspección extraordinaria realizada entre os pasados 21 e 31 de maio. 

A xuíza Pilar de Lara é a instrutora responsable dalgunhas das macrocausas máis relevantes que se investigaron nos últimos anos en Galicia, como a operación Pokemon, que comezou a investigarse en 2012, ou da operación Carioca, iniciada en 2008. 

Así mesmo, leva, entre outros asuntos, unha peza separada da operación Campeón. Precisamente por mor deste caso, o letrado Xoán Antón Pérez Lema presentou a mediados deste ano unha denuncia ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) por dilacións "indebidas" en relación a un recurso de apelación presentado en outubro de 2017 para pedir o sobresemento no relativo ao seu cliente

Comentarios