Exresponsables de Adif sinalan no Congreso o maquinista como culpable da traxedia do Alvia

O exdirector xeral de Explotación admite que, sen o sistema de seguridade ERTMS activo, o erro humano garantía o descarrilamento

El maquinista del Alvia siniestrado en Angrois compareció este miércoles en el Congreso. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)
photo_camera O maquinista do Alvia sinistrado en Angrois no Congreso. JUAN CARLOS HIDALGO (EFE)

Alfonso Ochoa e Antonio Gutiérrez, exresponsables de Adif, apuntaron directamente ao maquinista que conducía o tren sinistrado no barrio compostelán de Angrois en 2013 como o responsable do accidente, e afirmaron que "as causas inmediatas" son "obvias": "O exceso de velocidade". 

Na comisión de investigación do Congreso sobre o accidente do Alvia en Santiago, o que fora director xeneral de Operacións e Enxeñería e responsable da Dirección Xeral de Explotación e Desenvolvemento de Infraestrutura, Alfonso Ochoa, afirmou que a causa inmediata foi o exceso de velocidade do maquinista e que, "obxectivamente, na liña non fallou nada". "As causas inmediatas son obvias e é un exceso de velocidade", insistiu, e engadiu que "máis aló diso non se pode profundar cunha investigación xudicial polo medio".

O exdirector xeral de Explotación e Construción de Adif Antonio Gutiérrez foi máis aló e sentenciou que, na súa opinión, "a culpa era do maquinista exclusivamente". Gutiérrez recordou que este dispuña de freos no vehículo e rexeitou que a desconexión do Sistema de Xestión Europeo de Tráfico Ferroviario (ERTMS) a bordo do convoi fose significativo, dado que o maquinista era coñecedor desta circunstancia e sabía como tiña que actuar. Iso si, admitiu que sen o ERTMS funcionando, "o erro humano garantía o descarrilamento" na curva da Grandeira.

Ochoa negou que existisen presións políticas para apurar prazos na inauguración da liña

INFORME DA CIAF "EXHAUSTIVO". Ochoa, pola súa banda, defendeu o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) —posto en dúbida pola Axencia Europea Ferroviaria— e dixo que é "exhaustivo" e que achega "bastante luz". 

O exdirector xeral de Operacións de Adif admitiu que coñecía a decisión de desactivar o ERTMS embarcado nos trens da serie S-730, xa que se lle puxo en copia dos correos intercambiados polo exdirector de Seguridade na Circulación de Adif Andrés Cortabitarte e o seu homólogo en Renfe Antonio Lanchares. "Desconectouse por falta de fiabilidade e porque esa falta de fiabilidade afecta á seguridade", explicou Ochoa, quen agregou: "Un sistema que non é fiable, se te empeñas en usalo, acaba sendo perigoso". 

Segundo el, a diferenza entre este sistema e o que finalmente supervisou os vehículos S-730 na liña Ourense-Santiago, o Anuncio de Sinais e Freado Automático (Asfa), "é o peso do factor humano". Deste xeito, apuntou que o maquinista se someteu a unha "tensión excesiva" ao estar "máis de cen segundos fóra da condución" —en alusión á chamada telefónica que recibiu do interventor do tren—.

Gutiérrez insistiu en que non tivo responsabilidade algunha na construción da liña xa que se incorporou a Adif en marzo de 2013

OCHOA ASUME ERROS DO SISTEMA "COMO PROPIOS". Preguntado sobre se facía algún tipo de autocrítica polo papel de Renfe e Adif ao desatender o aviso do xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira, que alertou do risco que entrañaba a curva, afirmou que "é lexítimo" que se cuestione o seu papel e dixo que asume "como propios os erros do sistema". 

Como apuntaba pola mañá o exdirector de Vía de Alta Velocidade e subdirector de Vía de Adif, José Manuel Galindo, dixo que a acta de 2011 que pedía corrixir os saltos de velocidade da liña non se refería "en absoluto" á bifurcación da Grandeira, senón ás tres curvas posteriores, que estaban moi próximas, polo que se optou por "suavizar" —homoxeneizar— o cadro de velocidades. 

Tamén negou Ochoa que existisen presións políticas para apurar prazos e asegurou que o cambio de proxecto, que deixou finalmente toda a liña con ancho de vía ibérico, fíxose "con garantías" e porque non tiña "sentido" manter o cambiador de ancho de vía do proxecto orixinal. 

Rexeitou así mesmo que fose necesaria unha avaliación de riscos independente porque "a situación é coñecida": circular baixo supervisión de Asfa dixital, de seguridade "infinitamente maior" que un "ERTMS degradado". O que si ve como un avance é a instalación de balizas nos puntos de redución brusca de velocidade, concepto que non se valoraba previamente ao sinistro.

CORTABITARTE, UN "GRAN PROFESIONAL". En relación a Cortabitarte, que pasou a depender de Gutiérrez como subdirector de túneles tras ser cesado como responsable de seguridade, o exdirector xeral de Explotación de Adif definiuno como "un gran profesional" e dixo non ter "nada na súa contra". Con todo, admitiu que lle parece "ata ben" o seu cesamento como director da Seguridade na Circulación porque "é bo mover un pouco a árbore".

Sobre a negativa de Cortabitarte a declarar "en varias ocasións" —en palabras da portavoz de En Marea na comisión, Alexandra Fernández— en sede xudicial, sinalou que o seu novo cargo tampouco é "para botar bombas" e aseverou: "Supoño que seguiu instrucións do seu avogado". 

Gutiérrez insistiu en que non tivo responsabilidade algunha na construción da liña xa que el incorporouse a Adif en marzo de 2013, e recalcou que a Seguridade en Circulación non pasou a depender orgánicamente del ata despois do accidente.  Para rematar, non quixo valorar que a revista 'Liñas' deixase de considerar a liña Ourense-Santiago como liña de alta velocidade tras o accidente e garantiu que non le "prensa de Adif" porque "iso é publicidade". 

Comentarios