Extinguido o incendio de Porto do Son e estabilizado o lume de Verín

Vista da superficie calcinada no incendio na parroquia de Queirugás, en Verín. BRAIS LORENZO
photo_camera Vista da superficie calcinada no incendio na parroquia de Queirugás, en Verín. BRAIS LORENZO

O incendio que desde o martes afectaba o municipio coruñés de Porto do Son quedou extinguido ás 11:27 horas deste xoves, mentres que o de Verín permanece estabilizado desde as 12,49 horas. 

Diso informou a Consellería do Medio Rural, que detalla que o lume de Porto do Son, declarado na parroquia de Nebra ás 16:51 horas do martes, afectou a unha superficie de 40,71 hectáreas de monte arborado. 

Nel traballaron un técnico, 22 axentes, 34 brigadas, 27 motobombas, dúas pas, sete helicópteros e seis avións. 

Pola súa banda, Medio Rural estima agora en 144 hectáreas a superficie afectada polo incendio de Verín, estabilizado desde as 12:49 horas deste xoves. 

O lume afecta o mediodía do mércores á parroquia de Queirugás. Para as tarefas de control mobilizáronse até o momento un técnico, seis axentes, 20 brigadas, once motobombas, dúas pas, dez helicópteros e nove avións. 

Por último, no municipio veciño de Riós continúa controlado desde as 16:24 horas deste xoves un lume que comezou na parroquia de Castrelo de Cima cara ás 22:00 horas do mércores e que afectou xa a máis de 20 hectáreas, segundo as primeiras estimacións. Nos labores de extinción colaboraron até agora cinco axentes, 10 brigadas, seis motobombas e unha pa.

Comentarios