Falece un cazador de 21 anos ao disparárselle a escopeta en Chandrexa de Queixa

Un cazador de 21 anos perdeu a vida este domingo en Chandrexa de Queixa ao disparárselle de xeito accidental unha escopeta. Ocorreu no alto de Os Chaos, na parroquia de Requeixo, ao fío das 16:00 horas.

Nese momento, un compañeiro do cazador alertaba do ocorrido ao 112 Galicia. Nada máis ter constancia do sucedido, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Protección Civil da localidade, do GES de Castro Caldelas e da Garda Civil. Ademais, os xestores do 112 Galicia informaron os feitos ao GES de Laza.

Unha vez no lugar e, a pesar dos esforzos, os servizos médicos nada puideron facer por salvar a vida do cazador.