Falece o cóengo compostelán nacido no Grove Alejandro Barral

Foi "firme defensor dun Plan Director" do templo e director do museo catedralicio 

Alejandro Barral. PEPE FERRÍN (AEP)
photo_camera Alejandro Barral. PEPE FERRÍN (AEP)

A catedral de Santiago informou do falecemento do cóengo compostelán Alejandro Barral, nacido no Grove no ano 1930 e o cabildo expresou o seu pésame.

Barral, subliña a nota remitida á prensa, foi cóengo de arte da catedral de Santiago, director do museo catedralicio e secretario do consello de fábrica, cargos dos que dimitiu en 2006 ao cumprir os 75 anos.

Durante dúas décadas converteuse no responsable das obras de conservación do patrimonio da seo compostelá. Entre as súas actuacións máis destacadas cabe mencionar a recuperación do coro lígneo do Mestre Mateo, a conservación do coro de madeira ou a reparación das cubertas.

Tamén se notou a súa man, especifica o comunicado, na recuperación do museo catedralicio, "que organizou con criterios científicos".

Tamén, continúan, "foi un firme defensor da redacción dun Plan Director da catedral que se axustase á realidade do edificio e ás súas necesidades de financiamento para conservar o seu inmenso patrimonio".

Os seus coñecementos e o seu amor á arte, destacan, servíronlle, entre outras distincións, para ser nomeado Profesor Honorario da Universidade Francisco de Vitoria en 2010.

Tamén tivo tempo para escribir catro libros. Dous sobre a catedral á que lle dedicou os mellores esforzos da súa vida, unha Guía da arquidiocese de Santiago de Compostela e outro sobre Santa María a Real de Conxo

Comentarios