Un falecido nunha colisión na N-550, á altura de Padrón

O choque entre dous turismos tamén deixou unha persoa ferida con pronóstico reservado ► Outro condutor tivo que ser excarcerado en Celanova

Estado no que quedou un dos vehículos do accidente mortal de Padrón, na N-550. GARDA CIVIL
photo_camera Estado no que quedou un dos vehículos do accidente mortal de Padrón, na N-550. GARDA CIVIL

Un home, de 42 anos e con iniciais J.L.B., morreu e dúas mulleres, O.S.M. de 32 anos e M.O.P., de 47, resultaron feridas, tras producirse un choque entre dous turismos na N-550, ao seu paso pola localidade coruñesa de Padrón, segundo informa o 061.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 5.30 horas de este xoves entre A Escravitude e A Picaraña. Como consecuencia do impacto, foi necesaria a intervención dos bombeiros de Boiro e dos membros do GES de Padrón para liberar ás vitimas e facilitar a súa atención. 

As dúas feridas, que viaxaban no outro vehículo, foron atendidas polo 061-Urxencias Sanitarias, das cales a condutora atópase en estado grave. Non obstante, os servicios de emerxencia non puideron facer nada por salvarlle a vida á víctima mortal.

Este operativo activouse tras recibir no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia a chamada dun particular que solicitaba axuda urxente debido á situación das vítimas, que ficaban atrapadas no interior dos seus vehículos. A partir dese momento, os xestores do 112 mandaron avisos a bombeiros, efectivos do GES, axentes de seguridade e un equipo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, que se encargou da retirada dos restos provocados polo accidente e o restablecemento das condicións de seguridade na vía.

Pola súa banda, Tráfico explicou que se investiga o accidente pero, á espera de terminar as dilixencias, "todo apunta" a que á altura do quilómetro 76,2 da estrada N-550 un Citroën C5, "por razóns descoñecidas de momento", invadiu o carril estipulado para o sentido contrario e chocou frontalmente cun Ford Focus. 

ACCIDENTE EN VEREA. Ademais, en Verea, outra persoa tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Celanova tras saírse da vía o vehículo que conducía en dirección a Brandeses. Como consecuencia do impacto, a persoa quedou atrapada no interior do turismo e necesitou da axuda dos efectivos de rescate para saír do vehículo e ser atendido polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Segundo indicaron os servizos de emerxencias ao 112 Galicia, a persoa presentaba unha ferida na cabeza. O accidente produciuse ás oito da mañá.