A morte de dúas mulleres este martes eleva a 597 as vítimas do coronavirus en Galicia

Complexo Hospitalario de Ourense. ARCHIVO
photo_camera Complexo Hospitalario de Ourense. ARCHIVO

O falecemento de dúas mulleres este martes elevou a 597 as vítimas mortais do coronavirus en Galicia, segundo informou a Consellería de Sanidade. Por quinto día consecutivo, non se notificaron mortes en residencias de maiores, nas que desde o inicio da crise se contabilizaron 132 falecementos. Os outros 464 corresponden á atención hospitalaria.

Fontes sanitarias informaron do falecemento dunha muller de 85 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo) e que padecía patoloxías previas. Pola tarde, o Sergas informaba da morte de outra muller de 85 ingresada no CHUAC. 

Con estas mortes, elévanse a 465 as persoas con Covid falecidas en hospitais: 124 na área sanitaria da Coruña, 98 na de Ourense, 91 na de Vigo, 80 na de Santiago, 30 na de Ferrol, 26 na de Lugo --dous dos falecidos, en atención domiciliaria-- e 16 en hospitais na área de Pontevedra. 

Dentro do cómputo das persoas falecidas que recibían asistencia hospitalaria hai 137 que estaban vinculadas a centros residenciais, e que morreron en hospitais ou en residencias integradas. Así mesmo, outras 132 mortes rexistráronse dentro dos propios centros xeriátricos, polo que o total de falecidos vinculados con estas residencias é de 269, algo máis do 45% do total de falecidos con coronavirus en Galicia.

CASOS ACTIVOS. O balance publicado este martes pola Consellería de Sanidade amosa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia descendeu en 309, ata situarse en 2.322, mentres que aumentou o número de curados ata os 7.820, que son 375 máis que os notificados este luns. 

Así as cousas, hai 626 casos activos de coronavirus na área sanitaria de Vigo, 530 na da Coruña, 461 na e Santiago, 362 na de Ourense, 133 na de Lugo, 123 na de Pontevedra e 87 casos na área sanitaria de Ferrol.

Con respecto aos pacientes ingresados en unidades de coidados intensivos de hospitais galegos, o número baixou a 25 (un menos que este luns). Así mesmo, hai 166 persoas noutras unidades de hospitalización (25 menos) e outras 2.131 están en seguimento domiciliario (283 menos que as notificadas este luns).

Comentarios