Os familiares de maiores en residencias poderán denunciar ante Política Social

A Xunta denuncia abandono do Goberno na loita contra o virus nos xeriátricos ►PSdeG, Común da Esquerda e BNG censuran o ton exculpatorio e de confrontación co Executivo da conselleira
Fabiola García. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Fabiola García. PEPE FERRÍN (AGN)

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou que o Goberno galego tramitará en próximos días unha nova orde que ten como obxectivo reforzar o labor inspector nas residencias de maiores. Así, os usuarios das residencias e as súas familias poderán presentar directamente as queixas e denuncias ante a consellería.  En resposta a preguntas da oposición na sesión da Deputación Permanente, defendeu a xestión da Xunta nesta crise sanitaria e lamentou o número de falecidos que houbo nos xeriátricos. En calquera caso, defendeu a actuación con "transparencia" do departamento que ela dirixe e a intervención no 100 por cen dos centros. 

Esta iniciativa súmase, dixo, á posta en marcha de campañas específicas para asegurar que as residencias respectan o patrimonio dos usuarios e o cumprimento dos prezos estipulados, para que non se facturen como "extra" cuestións de forma "indebida". Fabiola García indicou, así mesmo, que o plan de inspección para 2020 prevé realizar máis de 1.500 controis a centros de servizos sociais, un 20 por cento máis das programadas o ano anterior. No que vai de lexislatura, e ata o inicio da pandemia, abríronse 33 expedientes sancionadores a residencias de maiores e pechado dous centros. Durante este tempo, os inspectores acudiron a 37 centros e incoaron catro expedientes sancionadores. 

Galicia é a quinta comunidade con menos falecementos en xeriátricos: 269, que supoñen o 45% do total de óbitos que a Xunta achaca á pandemia

A conselleira defendeu que Galicia "pelexou moito" e que o Goberno "non estivo", aínda que se lle esperou" e "aínda o están esperando", e censurou que "fixo abandono de funcións" nos "dous únicos centros" cos que conta en Galicia, en Bergondo e outro en Ferrol. "Houbo máis promesas incumpridas que respostas", lamentou. 

As respostas da conselleira viñeron despois de que a deputada Luca Chao (Común da Esquerda) censurase a xestión da Xunta e lamentase que non se desculpe por privatizar" estes centros. Ademais, a deputada acusouno de ir ao Parlamento cun "disfrace de xestor frío e insensible" e criticou que "non asumise responsabilidades políticas" polo ocorrido nas residencias de maiores, en que se concentrou o maior foco de contaxios en Galicia. 

García:  "Cando o presidente do Goberno asumiu o mando único debeu escribir un pé de páxina, aínda que en letra pequena, que ten competencias en todo excepto nas residencias"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuestionou a "anticipación" da que fixo gala a conselleira. "Se se anticiparon, explique que pasou", dixo, antes de preguntar polos datos de cada unha das residencias e de pedir que "deixe de confrontar co Goberno de España". "Ten plenas competencias en servizos sociais", recriminoulle. 

Noutra pregunta, a deputada do BNG Montse Prado afeoulle que "non interviñese todas as residencias" desde o inicio, ao que a conselleira respondeu aludindo a que se reforzaron con 1.013 traballadores que "acudiron á chamada da Xunta e puxéronse a traballar" procedentes doutros servizos.  Ademais, remarcou que actualmente "o 100 por cen das residencias de maiores está tutelada" por Galicia e lamentou que se use unha pandemia para emprender unha causa xeral contra todas as residencias de Galicia".

A oposición critica a falta de reacción da Xunta a pesar de que o virus chegou máis tarde a Galicia e o seu criterio para intervir só tres residencias

0,7 POR CENTO. Doutra banda, a deputada do PP preguntou pola repartición de fondos sociais do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas. Neste sentido, Fabiola García sinalou que o Executivo recoñeceu que Galicia é unha das nove comunidades que "recibe menos diñeiro do que lle corresponde" da asignación destes fondos. 

Na proposta de repartición para este ano, Galicia "é a única que só actualiza os seus fondos nun 0,9%, o correspondente á inflación, fronte ao 15,2% da media que recibirán o resto", expuxo a conselleira, que, como xa dixo a semana pasada, está a barallarse presentar unha cuestión de constitucionalidade.

Comentarios