Os faros de Cíes e Cabo Silleiro serán restaurados para usos hostaleiros 

O Porto de Vigo destinará un millón de euros a acondicionar as fachadas e o contorno de ambas as edificacións

Faro de Cabo Silleiro. AEP
photo_camera Faro de Cabo Silleiro. AEP

A Autoridade Portuaria de Vigo destinará "un millón de euros" do fondo de compensación interportuario a acondicionar o faro das Illas Cíes e o de Cabo Silleiro en 2019 pensando nun futuro "uso hostaleiro". 

O Porto de Vigo trasladou este luns que acondicionará os dous faros centrándose en mellorar "e modernizar as fachadas e o contorno" de ambas as edificacións, así como "o camiño de acceso" ao faro de Cíes. 

O obxectivo da Autoridade Portuaria é, segundo informaron, "ofrecer estas edificacións a posibles concesionarios hostaleiros" unha vez rematados os traballos de acondicionamento o próximo ano. 

Este anuncio chega logo da reunión do Comité para a Distribución do Fondo de Compensación Interportuario celebrada este luns en Valencia onde se anunciou que repartirá "52,5 millóns de euros entre as 28 autoridades portuarias" do país. 

Comentarios