Feijóo, ao Adif: "Non imos pedir permiso para falar da AVE a Galicia"

Segue a polémica e o cruzamento de informes entre Fomento e a Xunta
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. SEBAS SENANDE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este venres que en Galicia "non imos pedir permiso para falar da AVE a Galicia", despois de que o Adif mostrase este xoves nun comunicado o seu "estupor" ante "unha información absolutamente enganosa e tendenciosa" sobre a finalización da alta velocidade á Comunidade.

Tras a reunión do Consello da Xunta, Núñez Feijóo sostivo que o tren de alta velocidade entre Galicia e Madrid non cumprirá "os compromisos asumidos polo goberno do presidente (Pedro) Sánchez" e non se poderá viaxar ao longo de 2020, segundo un informe elaborado polo Goberno galego.

Esta mañá, pouco antes de asistir ao acto de apertura do Ano Xudicial en Galicia, Feijóo considerou "bastante ilustrativo" que no canto de dar as datas de finalización de obra de conexión con Galicia, no Adif "se mostren moi contrariados porque a Xunta acaba de facer público un informe" sobre alta velocidade.

E "sería algo sorprendente -continuou- que o Goberno de Galicia tivese que pedir permiso ao Adif para falar do tren de alta velocidade a Galicia".

"Non imos pedir permiso", salientou o presidente da Xunta, "ata aquí podiamos chegar", resaltou en declaracións aos xornalistas, e engadiu que se cadra ten que "pedir permiso para felicitar os andaluces de que leven 30 anos gozando da AVE".

Feijóo aclarou seguidamente: "Non só son o presidente da Xunta senón que son o representante do Estado en Galicia", e por iso, "para falar das infraestruturas en Galicia non lle imos a pedir permiso nin ao delegado do Goberno nin a calquera outro subsecretario de calquera departamento".

Recordou tamén que "faltan 67 días para finalizar o ano 2019", e se nese tempo "acaban as obras completas" do tren de alta velocidade Madrid-Galicia e redúcese unha hora o tempo de conexión, será o primeiro en felicitar ao Adif. Pola contra, a súa "obrigación" é informar os galegos.

"No canto de darnos prazos o que nos dan son menosprecios e desconsideracións, non imos entrar nese xogo", resolveu.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, dixo aos xornalistas, tras as palabras do presidente da Xunta, que o Goberno "está disposto a cumprir en tempo e forma" e por iso lamentou que "o presidente Feijóo utilice o altofalante da Xunta de Galicia para facer un mitin electoral do Partido Popular".

Comentarios