domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Feijóo avanza axudas para renovar vehículos por modelos menos contaminantes

Alberto Núñez Feijóo. KIKO DELGADO (EFE)
Alberto Núñez Feijóo. KIKO DELGADO (EFE)

Os turismos terán que contar con polo menos 10 anos de antigüidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres unha achega total de algo máis dun millón de euros en axudas para renovar 2.000 vehículos con 10 anos de antigüidade, como mínimo, por novos modelos máis eficientes e menos contaminantes. 

Tal e como explicou durante un percorrido realizado pola senda entre Montrove e As Pedreiras, en Oleiros (A Coruña), en compañía do alcalde, Ángel García Seoane 'Gelo', e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, esta nova liña de subvencións favorecerá a renovación do parque de automóbiles de particulares, autónomos e empresas. 

A previsión, tal como recalcou Feijóo, é que as axudas mobilicen uns 40 millóns de euros e cren máis de 300 postos de traballo directos. 

Ademais, destacou á senda que conecta Montrove coas Pedreiras e O Carballo como "un exemplo máis" da aposta da Xunta por unha "mobilidade máis vertebradora, máis social, máis segura e máis limpa". 

Feijóo confirmou que en agosto comezará a execución do novo tramo da Vía Ártabra

"Estamos a falar dun itinerario peonil integrado na paisaxe, con algo máis dun quilómetro de lonxitude, e cuxo obxectivo é que os veciños de estas zonas residenciais póidanse desprazar de forma segura e saudable ata os lugares aos que teñan que ir sen necesidade de coller o coche", indicou. 

Neste contexto, o presidente recordou que a iniciativa supuxo un investimento de case 800.000 euros e forma parte do plan de sendas de Galicia que se está desenvolvendo nun total de once comarcas.

170 NOVOS KILÓMETROS ANTES DE FINALIZAR 2020. Así, resaltou que grazas a esta liña os galegos contan xa "con máis de 100 quilómetros" de sendas construídos e garantiu que antes de que finalice 2020 conseguiranse os 170 novos quilómetros de sendas "sostibles, seguras e integradas na paisaxe". 

Así mesmo, avanzou que nas próximas semanas concluirá a instalación dunha gran pasarela no polígono de A Grela, na Coruña, ademais de actuacións como a que conectará as zonas de Mandín e As Torres, tamén en Oleiros. 

Por outra banda, Feijóo confirmou que en agosto comezará a execución do novo tramo da Vía Ártabra para ofrecerlles aos veciños da comarca unha alternativa para acceder á cidade da Coruña moito máis "rápida e segura" que a "colapsada" conexión N-VI. "Farémolo a través dun investimento público de 35 millóns de euros", subliñou.

PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO. En relación co plan de transporte metropolitano impulsado desde a Xunta, valorou o seu "bo funcionamento" na comarca, posto que os autobuses interurbanos "chegan ao centro da cidade" herculina "e están a permitir que baixe o número de coches que entran nela". 

Neste sentido, destacou que tamén se abarata en ata o 40 por cento" as viaxes, ofrécese transbordos gratuítos e benefíciase" ás familias numerosas e aos menores de 19 anos, xa que poden viaxar sen custo co cartón 'Xente Nova'. 

Feijóo avanza axudas para renovar vehículos por modelos menos...
comentarios