Feijóo, sobre o caso Kitchen: "Da honorabilidade de Rajoy non teño dúbidas" 

O presidente da Xunta mostrouse "a favor de que se investigue todo e a todos"
Rajoy con Feijóo. LAVANDEIRA JR
photo_camera Rajoy con Feijóo. LAVANDEIRA JR

O xefe do Executivo galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, volveu a apoiar de forma pública ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy sobre as investigacións xudiciais que o involucran no denominado caso Kitchen. 

"Sobre a honorabilidade do presidente Rajoy non teño dúbidas porque o coñezo e teño a miña opinión respecto diso", sinalou Núñez Feijóo a preguntas dos medios este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. 

"Estou convencido de que o presidente Rajoy está tranquilo en relación a este tipo de investigacións", remarcou o líder dos populares galegos, que manifestou que está "a favor de que se investigue todo e a todos". 

"Cando un xuíz ou fiscal cre necesario investigar, ten todo o dereito do mundo a facer esa investigación. Estou a favor de que se investigue todo e a todos", abundou o mandatario autonómico que considera que "o Goberno (central) ten que responder" se hai membros do executivo "que pertenceron a momentos históricos do PSOE con condenas durísimas" ou se existen membros de Podemos "que están a ser investigados actualmente". 

"Cando hai investigacións a membros de goberno do PSOE ou de Podemos ou membros da oposición, a receita debe ser sempre a mesma. Aceptar esa investigación e responder as cuestións", aseverou Feijóo. 

Comentarios