Feijóo e os conselleiros doan un 30% do seu soldo de abril para loitar contra o covid-19

A Xunta tamén comparte varias contas para facer achegas voluntarias
Feijóo, na reunión do Consello da Xunta. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Feijóo, nunha reunión do Consello da Xunta. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os seus dez conselleiros doarán un 30 por cento do seu soldo de abril para a loita contra o Covid-19. 

Así o anunciou o Goberno galego nunha publicación en redes sociais, que compartiu Núñez Feijóo, e ao que engadiu un comentario.  "Máis aló desta achega económica que non é determinante, o que queremos é solidarizarnos coas persoas que estes días perden ingresos e unirnos a tantos cidadáns e empresas que tamén fan chegar as súas doazóns. Grazas a todos", sinala Núñez Feijóo. 

A mensaxe da Xunta tamén comparte os números de conta de varias entidades bancarias nas que particulares e empresas poden facer as súas achegas voluntarias para loitar contra o coronavirus, así como unha dirección de correo electrónico [email protected]

O Goberno galego asegura que estas achegas, en diñeiro ou material –máscaras, lentes, luvas...– son "determinantes" para pór freo á pandemia. 

Núñez Feijóo tamén alude nunha entrada anterior en redes sociais á chegada a Galicia do test rápidos comprometidos este domingo na videoconferencia entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto dos presidentes autonómicos. 

"Somos esixentes co Goberno cando o material sanitario non chega ou é escaso como estas tres semanas pero hai que recoñecer as cousas cando se producen e hoxe recibimos 57.760 test. Os microbiólogos valoraranos e indicarán o mellor protocolo para usalos de inmediato", escribe.