Feijóo cre que a harmonización fiscal "non é mala" e avoga por fixar unha pinza

Advirte ao Goberno de que se opta por baixar o imposto de patrimonio terá que indemnizar ás comunidades
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Feijóo, presidente da Xunta. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou este xoves que a harmonización fiscal "non é mala" e avogou por establecer "unha pinza de máximos e mínimos" para que todas as comunidades se poidan mover dentro dese ámbito.

Nunha entrevista na Cadea Ser criticou, con todo, o compromiso ao que o Goberno chegou con sERC, dentro do acordo de orzamentos, para abordar a harmonización fiscal das autonomías en tributos como o de patrimonio, e recordou que este tributo é de competencia estatal.

"Estou convencido de que non hai ningún presidente autonómico do PP, nin do PSOE, que crea que ERC nos ten que dicir como temos que ordenar os nosos tributos propios ou cedidos", asegurou, en referencia ás palabras do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sobre que algúns presidentes populares cren que hai un problema coa armonización fiscal que hai que resolver.

Tamén considerou que as autonomías "que cumpren", cunha débeda pública por baixo do resto e un déficit axustado á normativa, como a Comunidade de Madrid, Canarias ou a propia Galicia, teñen que ter unha autonomía fiscal "superior" ás que non cumpren.

"Eu creo que a armonización non é mala e tampouco é mala a armonización á baixa dos impostos. Pensar que a harmonización só supón subir impostos... iso non é harmonizar; é subir impostos", puntualizou.

Ao seu xuízo, a harmonización é establecer cales son as taxas, tributos ou impostos propios ou cedidos onde se poden "buscar posibilidades de establecer pinzas de máximos e mínimos" para que as comunidades se poidan "mover" nesa contorna.

En todo caso, para fixar un mínimo dixo que "depende" dos impostos sobre os que se fale e, en concreto no caso do de patrimonio, corresponde ao Goberno facer unha proposta que despois as autonomías terían que "valorar" porque é un imposto da súa competencia e "non ten que sentar con ninguén para baixalo".

Ademais, no caso de que o Goberno optase por baixar este tributo ou eliminalo "tería que indemnizar ás comunidades autónomas", advertiu. Ao mesmo tempo, defendeu un "certo grao de autonomía fiscal" para as comunidades, porque sen esta non "hai autonomía política e financeira".

Comentarios